Conxunto de hórreos de Olás

O conxunto de hórreos de Olás está formado por un total de dez pezas que foron restauradas recentemente, en concreto no ano 2011, grazas á financiación parcial do Plan E e a propia aportación dos propietarios. É así, que despois do gran coxunto de canastros da capitalidade do concello, A Merca, este é un dos mellores expoñentes deste tipo de arquitectura etnográfica na zona.

En toda a A Broa predominan os hórreos completamente feitos en madeira ou de tipoloxía mixta (pedra-madeira). No caso particular de Olás existen un total de oito canastros de madeira e dous mixtos que están expostos aos ventos dominantes co obxectivo de facilitar o secado e conservación do millo, situándose ademais nun lugar elevado do pobo.

Estes érguense maiormente sobre unha soleira empedrada ou aterrada nos máis dos casos. Sobre esta superficie sitúanse os pés, uns elementos compostos por unha breve columna de sección cuadrangular rematada nun tornarratos, unha peza de pedra rectangular soportada por cada par de pés ou cepa que ten por obxecto imposibilitar o acceso dos roedores á cámara.

O número de pés varía en función do longo da paneira, sendo a media ducia o exemplo máis habitual, aínda que neste caso particular existen tres exemplares con catro pés.

Un dos hórreos de tipoloxía mixta resalta sobre os demais pola súa gran beleza, pois posúe penais (parte frontal e posterior) en perpiaño de granito e ornamentados cun pináculo na cumieira (parte máis elevada), a xeito de símbolos de carácter profiláctico-laudatorio.

Galería fotográfica

Localización

Campo da festa de Entrambosríos