Muíños do Euxenio

O conxunto de muíños do Euxenio é único en todo a bacía do Río Arnoia e está composto por tres construcións, dúas localizadas na marxe dereita do río (do lado do pobo de Pousada) e outra na marxe esquerda (do lado do pobo de Cobas do Río) .Todas elas están comunicadas a través dunha pontella de xenerosas cepas.

O primeiro muíño dos Euxenios está localizado a uns 300 metros río abaixo do denominado muíño do Alfredo e está composto por dúas edificacións rectangulares e incomunicadas entre sí. A máis próxima ó río constaba de dous andares e dúas moas, idéntica formulación que a da estancia anexa. Abastecidos por un sistema de canle cuberta, os seus respectivos tremiñados sitúanse practicamente xuntos, o que implica unha importante diferencia no tamaño lonxitudinal dos infernos.

A zona do muíño onde vai o rodicio chámase inferno, realmente é por onde sae a auga a gran presión e choca coas culleres do rodicio, facendo xirar deste xeito a moa, que realmente é a que tritura o gran.

Un vistoso balcón en pedra na primeira edificación, xunto coa utilización de moas vellas nos valados próximos, así como nos propios muros do muíño dá idea da súa antigüedade, evidenciando un proceso de reedificación e modernización.Un dos infernos exhibe unha técnica micénica coñecida como triángulo de descarga.

Xunto a este primeiro conxunto podemos atopar unha vivenda de pequenas dimensións dotada cunha cuberta practicamente derruída.

A escasos 200 metros do primeiro e ó pé dunha pontella localízase o segundo muíño dos Euxenios. De pequenas dimensións, o muíño aséntase sobre unha rocha granítica que aflora levemente do chan. Conta cunha única moa e dispón no seu exterior unha bancada de pedra a xeito de pousadoiro. Os mecanismos de trituración e rotación foron totalmente destruidos pola propia natureza, conservando soamente a canle que forma un semiinferno natural que aproveita a rocha sobre a que descansa o perímetro do muro.

O seu deseño en planta é bastante peculiar dado que posúe unha única parede recta, a da súa fachada principal, dispoñendo un paramento en curva a xeito de exedra para pechar a edificación. Unha cuberta a dúas augas sustentada por unha sinxela cumieira a base de pontóns, entarimado e tella curva do país remata o conxunto.

A este segundo muíño accédese a través dunha pontella sen peitoril que atravesa o río e que se atopa en moi boas condicións de conservación e uso.

O terceiro dos muíños do Euxenio está situado na marxe esquerda do río Arnoia ó carón da pontella que o une co muíño descrito con anterioridade. Este atópase nun estado semirruinoso e a diferencia do anterior conta con dúas moas de pedra do país ou albeiras.

Os seus dous infernos non conservan apenas ningún resto do que foi o seu mecanismo de rotación, a súa cumieira preséntasenos totalmente derruída e a súa canle está chea de maleza e das pedras que compuñan o pechadoiro externo.

De planta rectangular e cuberta a unha auga, dispón tamén dunha pequena bufarda e unha única porta de acceso.

Como particularidade conta cun entrante no muro –tamén presente no muíño da Nieves- que puido destinarse ao almacenamento de sacas de fariña.

Localización

Muíños do Euxenio