Roteiro da Broa

posted in: Sendeirismo e Btt | 0
 Ano    Inauguración 2015  Punto de  partida/chegada:  Bar Parroira (Fontao).
 Lugar:  Concello da Merca (Ourense)  Servizos:  en A Parroira, Corvillón, Allariz, Celanova, Podentes.
 Accesos:  Dende a OU-300 que vai de Allariz  a Celanova, en Corvillón desviarse a dereita pola OU-0205 cara A Merca, Zarracós, Olás…  Puntos de  interese:  Ponte Ermida, A Lera, San Cibrao, Fonte dos ollos, Penedo da nosa señora, Río Arnoia, Canal do Ruca etc.

 

Descrición

O roteiro ten unha lonxitude aproximada de 13,4 Km, con deseño circular.

Saímos do Antigo Bar Parroira e baixamos ata o pobo de Fontao. Bordeamos a antiga escola, agora restaurada, e xiramos a dereita para seguir polo camiño dos Pequenos ata chegar a estrada asfaltada, descendendo uns metros e continuar a dereita na curva do Cancelo pola pista de terra.

Chegamos ao maxestuoso Carballo do Ferreiro, e no cruce seguiremos recto polo camiño de Magarelos, ata chegar a unha nova indicación que nos manda xirar a esquerda para descender polo camiño do Poulo, ata atoparnos co camiño que ven da Portela. Neste punto seguimos a esquerda descendendo ata chegar a carón do río Arnoia, na presa do Cholas.

Continuamos pola marxe esquerda, deixando a nosa dereita os restos da presa, ponte e muíños en ruínas. Seguimos o camiño ancho e ascendemos ata o pobo abandonado da Ponte Ermida.

Saímos atravesando un pequeno regueiro e continuamos a media ladeira por enriba da presa do Cándido, ata chegar a un desvío a esquerda para seguir polo camiño do Cándido ata a zona do Castelo. Continuamos polo camiño a dereita na zona da Fonte Vella ata chegar ao pobo de Covas do Río.

Seguindo as indicacións chegamos a Aira da Otilia, continuando pola canella que vemos en fronte para saír a un souto e continuar polo carreiro, ata a zona do Covelo. Seguimos a esquerda e ascendemos polo camiño de Morgade ata a zona das hortas de Salpurido, deixando ao noso paso a dereita os penedos chamados o coto das Moás”.

A dereita descendendo polo camiño da Fraga chegamos despois de baixar un pequeno zigzag ata a Fontela da Fraga. Continuamos por esta fermosa paraxe colgados sobre o río Arnoia, chegando a divisar a nosa dereita a Canle do Ruca sobre a marxe dereita do río.

Seguindo as indicacións atravesamos Entrambosríos, pasando a carón da capela do Carme, para saír de novo a estrada, e logo continuar polo camiño que en lixeiro ascenso nos leva ata Olás. Veremos unha indicación do roteiro debaixo da pista polideportiva. Chegamos de novo a estrada e xiramos a esquerda para antes da fonte subir a dereita, pola zona dos canastros ata ver de novo unha sinal que nos indica que seguiremos a esquerda, para ir dirección á Fonte dos Ollos. Podemos desviarnos uns metros a dereita para ver este famoso penedo ou seguir a nosa esquerda pola estrada uns 150 metros, para logo desviarnos a dereita baixando polo piñeiral ao pobo de Oxén.

Seguimos a esquerda e sen desviarnos chegamos ao Camiño Real. No cruce, de novo a esquerda continuamos ata o Campo Grande. Avanzamos ata chegar a estrada da Rebola. Cruzamos e a 50 metros continuamos recto para seguir polo Camiño Real ata chegar de novo ó punto inicial, o Antigo Bar Parroira.

Díptico informativo

Perfil do Roteiro

Trazado

Powered by Wikiloc

Galería fotográfica