Esta foi a festa das Neves da parroquia de Zarracós 2018

Celebrada os pasados días 3,4 e 5 de agosto do 2018

Esta foi a festa das Neves da parroquia de Zarracós 2018

Os pasados días 3, 4 e 5 de Agosto do 2018 tiñan lugar as festas populares da parroquia de Zarracós na honra á Virxe das Neves e van xa, nin máis nin menos, que 26 anos seguidos de troula.


O venres día 3 de Agosto, nunha xornada das máis calorosas que se recordan, daban comezo as festas cos tradicionais xogos infantís, que sen dúbida fixeron as delicias dos máis pequenos da parroquia e dos pobos da contorna, acabando completamente empapados ó enfrontarse ás diversas probas e xogos: cadea de globos de auga, batalla de globos atados ó pe, xogo do pano con globos de auga, traineras, xincana con probas e obstáculos, as cadeiras... e que finalmente viron recompensado o seu esforzo cunha gran choiva de caramelos e cos múltiples agasallos que recibiron grazas á extraordinaria colaboración dos veciños: Mónica, Edmundo e Bieito que doaron a maior parte deles. Ó remate dos xogos, o Grupo de Acordeóns Bieito Blanco  realizaba o seu primeiro pase ante un numeroso público ben sentado para a ocasión nos novos bancos que esta asociación de veciños ven de adquirir recentemente. Posteriormente tocaría facer un breve descanso para cear.

Xa cas forzas respostas, sería a quenda para o segundo pase do Grupo de Acordeóns Bieito Blanco, que nos deleitaron durante máis dunha hora cos seus grandes éxitos. A continuación chegaría a actuación do gran tenor Baldomero Pavón co acompañamento musical de Bieito Blanco ó acordeón que recrearon ó público interpretando grandes clásicos como: “La golondrina”, “Canción del vagabundo”,....

Antes de continuar fiando palabras neste artigo queremos expresar o noso especial agradecemento ós compoñentes do Grupo de Acordeóns Bieito Blanco e a Bieito Blanco pola súa implicación con estas festas e por cedernos de xeito altruísta o seu equipo de son durante tres días. Mil grazas!!!!

Así, finalizado o concerto de acordeóns, sería a oportunidade dos cantantes noveis da parroquia e da contorna que se atreveron a cantar no tradicional karaoke, que ano tras ano vai subindo de nivel (ou non, depende ;D).


O día 4 pola maña, era a charanga BCB (de Celanova) a encargada de por o toque musical polas rúas da parroquia, así como, de acompañar a procesión ó redor da igrexa, cantar á misa e amenizar a sesión vermú no campo da festa, e sen lugar a ningunha dúbida, por quinto ano consecutivo non defraudaron a ninguén, converténdose  xa en indiscutibles das nosas festas: trouleiros, animados, cantareiros e sobre todo grandes profesionais e traballadores.

Despois de repousar un pouco a comida e de intentar durmir a sesta cunhas temperaturas realmente esaxeradas, pola tarde, máis tarde do normal polo intenso calor, chegaría o tradicional partido de fútbol 7 entre as parroquias de Corvillón e Zarracós. Un encontro que se decidiu na primeira parte do xogo e que rematou cun marcador de 4-1 á favor do conxunto visitante. Un ano máis, cabe destacar o gran papel que desempeñaron os máis xoves de ambas parroquias, que continúan coa tradición.

Pola noite, o intenso calor do día deixou unha noite ben bonita para gozar dunha verbena ó aire libre, así a iso das 23.30 horas (máis tarde do previsto por que algún gracioso decidiu roubar a chave do xerador eléctrico), era a quenda da ORQUESTRA LABASE (de Lugo), unha agrupación cunha vistosa montaxe, que nunha noite realmente cálida ofreceu un repertorio cheo de música do máis bailable (cumbias, merengues, mexicanas, rumba,..) e que fixo mover os pes de todos aqueles que se achegaron ata o torreiro.

Despois de que moitos nos deitaramos o sábado as tantas da madrugada, o domingo tocaba madrugar outra vez para percorrer os distintos pobos da parroquia cunha charanga que debutaba nas nosas festas: XENTE MOZA (de Barbadás), unha agrupación musical humilde e composta por xuventude, tal e como reza no seu nome. Este ano si puidemos chegar ben á procesión, que tería como novidade principal un novo percorrido ata o cruceiro da antiga escola.

Polo serán, tería de novo lugar o xa máis que tradicional Torneo de Chave, que este ano contou cunha participación bastante inferior o ano pasado (28 xogadores fronte a 50) e no que saltou a sorpresa ó proclamarse gañador José Luis Dorrego con cinco pegadas á chave.

Unha vez rematado o torneo de chave, a iso das 21.45 horas, tocaba gozar coa actuación da ORQUESTRA ALABAMA SHOW (de Vigo), que deleitou ós presentes no campo da festa con máis de tres horas de música ben bailable. Así, unha vez rematada a actuación desta gran formación viguesa, os músicos do pobo (pandereteiras, gaiteiros, caixeiro, acordeonistas, bombeiro,...) puñan o broche final ás festas deste ano amenizando a queimada popular de fin de festa.

No que atinxe ó sorteo dos 300€, o segundo premio (recordemos 100€) foi por segundo ano consecutivo para a Modesta, mentres que o primeiro premio (recordemos 200 €) recaeu en Alicia (Capataz do obradoiro de emprego que se encargou de limpar os camiños da nosa zona). O premio de consolación composto por dous queixos foi para Eliseo de Rubillós. Parabéns ás dúas e como non a el :D

O campionato de Tute, que este ano, ó igual que os dous anos anteriores se disputou nun único día (2 de agosto) e por eliminatorias, contando coa participación de 10 parellas. Emilio e Pepa proclamáronse claros gañadores tras impoñerse na final ós segundos clasificados, José Andrés e Carmen. Este ano grazas a José Andrés e Carmen, os asistentes ó campionato puideron facer un descanso para degustar un año á grella, así como, chourizos e touciño.

Hai seis anos incorporábase unha novidade ás actividades que se realizan durante a festa e dende logo que contou cunha gran acollida: a exposición de fotos antigas. Este ano, de novo, volveuse á levar a cabo esta iniciativa baixo o título: VII Exposición de Fotos Antigas da Parroquia de Zarracós, e unha vez máis volveu a recibir centos de visitas durante a semana contando cunha gran aceptación entre os veciños, aínda que de novo, moi poucas se animaron a aportar fotos novas para seguir incrementando a mostra.

Dende a Asociación de Veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas e cada unha das persoas que fixeron posible que as festas de Zarracós se levasen a cabo un ano máis: a Bieito Blanco e ós membros do grupo de acordeóns, a toda a xente que nos mercou rifas tanto para o sorteo do Nadal como para o da festa, a todos os que colaboraron para realizar os xogos infantís, a todos os socios, a toda a xente que nos axudou a vender rifas, a todos aqueles que participaron nos torneos, a todos os veciños que nos axudaron a por as bandeiras, a todas aquelas persoas que nos aportaron diñeiro a maiores, ós veciños que botando man do seus instrumentos e das súas voces se prestaron a animar a queimada de fin de festa... grazas a todos e cada un de vos as festas da parroquia de Zarracós resisten un ano máis e son un exemplo de paz, harmonía e diversión.

Aquí tendes algúns vídeos da festa en calidade HD, e pouco a pouco, iremos subindo máis nos vindeiros días, xa que ocupan bastante.

Pulsa aquí para ver a galería fotográfica da Festa das Neves 2018

11 de Agosto do 2018




Destacamos