A II Olimpíada Rural da Broa encheu de xuventude o campo da festa Zarracós

Máis de 40 rapazas e rapaces participaron na primeira xornada das olimpíadas rurais 2018

A II Olimpíada Rural da Broa encheu de xuventude o campo da festa Zarracós

Despois do éxito acadado o ano anterior, o pasado mércores, día 8 de agosto do 2018, as olimpíadas rurais da Broa volvían ó campo da festa de Zarracós na súa primeira xornada. Nos vindeiros días tamén percorrerá as parroquias de Entrambosríos, Corvillón e Olás con outras modalidades deportivas.

Así, nunha tarde un pouco máis fresca do normal e a iso das sete, máis de corenta rapazas e rapaces da nosa contorna se congregaban no Outeiro para entreterse con xogos populares doutros tempos, nos que non había tanta tecnoloxía e tocaba agudizar o enxeño, como ben saben os nosos pais e avós que fixeron de mestres de cerimonia. Durante máis de dúas horas e divididos en grupos máis ou menos compensados puxeron a proba a súa destreza xogando coa chave, a ra, os aros, a rodela, os zancos, a ponte, os esquíes, o tres en raia,.... sempre guiados por un monitor que tamén se encargaba de contabilizar os puntos.   

Unha vez rematada a tarde de xogos a rapazada que se animou a participar daba boa conta da merenda que a organización tiña preparada no local sociocultural: sandwiches, pizzas, croissants, auga e refrescos. Mentres os rapaces papaban os monitores encargábanse de contabilizar os puntos, para posteriormente proceder á entrega de medallas.

Resumindo, unha fermosa xornada deportiva e festiva que permitiu a rapaces e maiores da nosa zona gozar dunha tarde interxeracional fedellando cos distintos xogos populares.

Dende a organización agardamos que esta primeira xornada das olimpíadas fose do agrado de todos e tamén queremos animarvos a que levedes ós vosos nenos a participar nas tres xornadas restantes en Entrambosríos, Corvillón e Pazos. Aproveitando a ocasión queremos agradecer o traballo altruísta realizado polos monitores.

A continuación podedes atopar dous vídeos deste evento e tamén na nosa sección Últimas galerías podedes atopar un álbum con máis de 140 fotografías.

Pulsa para ver a galería fotográfica das II Olimpíadas Rurais A Broa 2018 (Zarracós)

14 de Agosto do 2018




Destacamos