As Olimpíadas Rurais da Broa despedíronse ata o vindeiro ano 2019

Uns 150 cativos participaron na edición deste ano

As Olimpíadas Rurais da Broa despedíronse ata o vindeiro ano 2019

O pasado sábado, día 25 de agosto do 2018, no campo de xogos de Pazos de Olás despedíase a segunda edición das Olimpíadas Rurais da Broa despois de percorrer tamén as parroquias de Corvillón, Entrambosríos e Zarracós.

Esta nova edición significou, sen lugar a ningunha dúbida, a consolidación dun proxecto que naceu o ano pasado da colaboración entre as tres asociacións de veciños máis activas da marxe esquerda do Arnoia, ás que este ano se incorporou tamén a de Corvillón. Sempre apoiados polo Excmo. Concello de A Merca.

Foron catro xornadas nas que a participación foi superior á do ano pasado, contando case con 40 cativos en cada unha delas, uns 150 participantes en total (Para mostra a imaxe axunta a este artigo). Así, a rapazada da zona puido xuntarse para practicar unha gran variedade de deportes colectivos e individuais: baloncesto, fútbol lameiro, campo a través, andaina, voleibol, xogos tradicionais.... pero sobre todo para convivir, facer novas amizades e compartir unha boa merenda.

Dende a organización agardamos que esta segunda edición das Olimpíadas Rurais da Broa fose do agrado de todos aqueles que vos animastes a participar ou a asistir como público, dende logo, para nos foi novamente unha experiencia que resultou ser enormemente gratificante e que esperamos poder repetir o vindeiro ano, dado que non hai nada máis fermoso que darlle vida ó noso rural e poder reunir a toda a xuventude dos nosos pobos, dado que eles son o futuro. Aproveitando a ocasión queremos agradecer o traballo altruísta que realizaron todos aqueles que se animaron a axudar para facer posible este evento.

28 de Agosto do 2018




Destacamos