Así foi o II Xantar Popular Do San Andrés

A celebración tivo lugar o pasado sábado 1 de decembro do 2018

Así foi o II Xantar Popular Do San Andrés
Así foi o II Xantar Popular Do San Andrés

Despois duns inicios bastante duros, a segunda edición do Xantar Popular do San Andrés consolidouse como unha celebración máis a ter en conta na parroquia de Zarracós e a escaseza da primeira edición converteuse nunha auténtica  “fartura”  na edición deste ano.

A xornada festiva para a parroquia de Zarracós, tal e como ven sendo tradición, comezaba cos correspondentes actos relixiosos a iso das 12.30 da mañá.  Unha vez  rematados os mesmos, todas aquelas veciñas e veciños que así o desexaron, dirixíronse cara o renovado e espectacular campo da festa da parroquia, que sen dúbida foi unha das novidades que máis expectación causou.

Así, a iso das dúas e cuarto chegaría o momento de entrar no local sociocultural da parroquia onde xa estaban ben dispostas as mesas e bancos necesarios para acomodar ós preto de 80 comensais que se decidiron a asistir a esta segunda edición do xantar na honra ó patrón.

Unha vez ben sentados, tocaría degustar un abundante e completo menú, composto por: empanada, tortilla, callos (a fartar), bica, pan centeo, viño novo, refrescos, café, licores.... e como non podía ser menos en calquera festa que se prece na nosa parroquia a continuación tocaría entoarlle unhas canterías para alegrar a sobremesa: O miudiño, Camariñas, A Rianxeira, Miña sogra, Sete saias, Cantar da vendima..... son clásicos esenciais do repertorio popular que nunca poden faltar.

En contraposición ó ano pasado, este ano a xornada festiva prolongouse durante toda a tarde e ata ben entrada a noite, primeiro para xogarlle unha partidiña ás cartas e logo para cear toda a comida sobrante do xantar, que este ano foi bastante, o que permitiu que puideran cear novamente preto de corenta comensais.

Dende a asociación de veciños  agardamos que o xantar fose do agrado da maioría dos presentes, pola nosa parte a satisfacción é plena ó comprobar que a comida foi abundante e  que esta nova celebración serviu para reunir en harmonía  e confraternidade ós veciños da parroquia.

A continuación deixámosvos o enlace á galería fotográfica do San Andrés e uns cantos vídeos.

Pulsa aquí para ver a galería fotográfica do San Andrés 2018

03 de Decembro do 2018




Destacamos