Completada a restauración do retablo da Virxe das Neves

Estes días a empresa Arte-3 volveu montar esta obra artística na igrexa parroquial

Completada a restauración do retablo da Virxe das Neves

Pasaron xa varios meses dende que o día 29 de setembro do 2019 se acordou en asemblea xeral proceder á restauración do retablo lateral da Igrexa Parroquial de San Andrés de Zarracós, máis coñecido como o retablo da Virxe das Neves. Polo medio, moito traballo, un estado de alarma co seu correspondente confinamento e moita burocracia administrativa, pero o resultado final abofé que merece a pena.

Así esta semana, a empresa adxudicataria da obra (Arte-3 de Ourense) volveu a montar no seu lugar orixinal esta obra artística de finais do século XIX ou principios do XX, que no seu día sufriu a desafortunada intervención dun párroco da nosa parroquia que decidiu darlle un toque de cor cunha man de pintura industrial.

O estado orixinal

Esta obra artística duns 4.20 metros de altura por 2 metros de ancho sufría ataque de xilófagos (termitas) en case toda a súa estrutura, pero de xeito máis acentuado nas columnas, como xa mencionamos anteriormente tiña unha man de pintura industrial que foi dada sen aplicar ningún tipo de preparación previa da superficie (orixinalmente a madeira estaba ó natural), había restos de cera pola proximidade de velas e moitas das táboas estaban desencaixadas do conxunto.

A intervención

Para corrixir todas estas anomalías, eliminouse toda a suicidade acumulada cunha brocha e tamén se acompañou dun aspirado suave. Así mesmo, e coa axuda de diversos produtos químicos e un bisturí procedeuse á eliminación da capa de pintura industrial. Tamén se desinsectou e consolidou a estrutura do mesmo mediante a inxección de produtos químicos cunha xeringa por cada un dos ocos feitos pola termita e aplicouse un tratamento con brocha a toda a superficie.

Completáronse as zonas afectadas por xilófagos con araldit e madeira, taponando todas as fisuras e pequenas perdas como buratos, ademais realizouse a reposición de adornos perdidos (algo que se observar de xeito moi especial na súa parte superior) e tamén se desconectou e retirou o cableado e os apliques de luz existentes.

Finalmente, unha vez eliminada toda a pintura, aplicáronse diversos tintes sobre a madeira para ocultar os posibles restos de pintura na veta da mesma e tamén se dourou de xeito moi suave algunha moldura.

Os Custes

Tal e como se informou na asemblea xeral de setembro do 2019, o custe desta intervención foi de 3.975€,  ós que hai que sumarlle 350€ do novo mesado en madeira de castiñeiro e uns 13 euros de material de oficina, é dicir, un total de 4.338€.

Na actualidade temos cuberto o 94,51% dos custes, o restante, de non xuntar máis, cubrirase con cargos ós fondos desta asociación, e tanto pronto como sexa posible presentaremos as debidas contas ante a parroquia.

Dende a asociación de veciños agardarmos que a restauración sexa da agrado da maioría dos veciños e veciñas da parrroquia e por iso queremos darvos as grazas pola vosa extraordinaria colaboración, máxime nestes tempos tan convulsos.

A continuación deixámosvos un vídeo no que podedes observar todo o proceso de restauración, dende o seu estado inicial ata o resultado final.

11 de Xuño do 2020




Destacamos