A edición máis estraña da xantar do San Ceriz

Pero celebramos a festa igualmente con “pulpeira”

A edición máis estraña da xantar do San Ceriz

O pasado sábado, día 13 de xuño do 2020, houbese sido un día de xuntanza e de confraternidade dos veciños e veciñas da parroquia de Zarracós en torno a unha boa mesa de comida, tal e como viña sendo tradicional nos últimos vinte anos, sen embargo, este ano non puido ser así debido á crise sanitaria do coronavirus.

Pero, nesta parroquia somos moi teimudos, sempre hai unha alternativa ou un plan B, e por iso non nos puidemos resistir a celebrar igualmente o noso xantar popular con “pulpeira” e polbo á feira, iso si, cada un na súa casa cos seus familiares e aínda que ó principio podía parecer unha idea bastante estrambótica, finalmente esta edición tan estraña, serviu para romper a monotonía e a tristeza dos últimos tres meses e ser a escusa perfecta para reunir ás familias da parroquia, de seguro que o vindeiro ano volveremos celebralo coma sempre.

Así, a celebración comezaba as doce do mediodía coa tradicional misa na honra a dito mártir, e dado que non puido haber procesión debido as indicacións sanitarias, esta foi curta e a iso das doce e media todos aqueles que previamente encargaron as súas racións, puideron pasar polo campo da festa para recollelas xunta a “pulpeira” que ten servido este xantar nos últimos anos “A Morena”.

Aquí vos deixamos o enlace a unha pequena galería de fotos desta celebración.

Pulsa aquí para ver a galería fotográfica do San Ceriz 2020

14 de Xuño do 2020




Destacamos