As tardes de verán tocaron fin por este 2021

Atrás quedan catro xornadas de convivencia e diversión

As tardes de verán tocaron fin por este 2021

O pasado mércores, 25 de agosto, chegaban a súa fin as Tardes de Verán Zarracós 2021   deixando atrás catro intensas xornadas nas que os cativos da parroquia e da contorna puideron convivir e divertirse no rural, nun ano no que as alternativas de ocio ofrecidas ó público infantil  e xuvenil foron máis ben poucas e no noso concello aínda máis escasas se cabe.

Durante os mércores do mes de agosto, todos aqueles cativos que así o desexaron puideron participar en todo tipo de actividades lúdicas no campo da festa de Zarracós: xogos populares e cooperativos, pintura creativa empregando o método Pollock, rutas medioambientais, obradoiro de estampado usando a técnica Hapa Zome,  taller de reciclaxe, obradoiro teatral con monicreques,... en definitiva, unha boa manchea de actividades que sen dúbida serviron para que os máis pequenos do lugar se divertisen dun xeito distinto neste verán tan atípico que nos tocou vivir novamente.

Dende a asociación de veciños sempre pensamos que o futuro das nosas parroquias e do rural en xeral pasa por que a xuventude teña un certo apego ó territorio e se sinta identificado con el, por iso criamos convinte organizar algunha actividade dirixida a rapazada, apostando por esta alternativa de lecer seguro.

Agardamos que esta “novidosa” proposta fose do agrado de todas aquelas persoas que se animaron a participar e agradecemos o excelente traballo levado a cabo pola empresa Xurxemurxe para levar a bo fin esta iniciativa, demostrando así o seu excelente capital humano, a súa gran profesionalidade e o seu bo facer.

26 de Agosto do 2021




Destacamos