O XXIII Xantar Popular do San Ceriz 2022 serviu como reencontro da veciñanza

Preto de 70 persoas se animaron a participar desta nova edición

O XXIII Xantar Popular do San Ceriz 2022 serviu como reencontro da veciñanza

É ben certo que o coronavirus impactou directamente contra a liña de flotación das nosas parroquias, exterminando case que por completo esa unidade e alegría que sempre caracterizou ó rural galego, e por se iso non fose pouco, logo sumóuselle a guerra de Ucraína e a posterior marea inflacionista que esta minguando os petos de todos nos.

Pero a pesar de todos os pesares, a pesar de todos os males, preto de 70 persoas se reuniron este sábado  11 de xuño no campo da festa de Zarracós para reencontrarse e volver celebrar o tradicional Xantar Popular do San Ceriz, e xa van uns cantos anos de celebración, nada máis e nada menos que 23 edicións, que si di pronto.

A pesares de ser unha das edicións máis cativas da historia, pois case sempre se viñan superando os cen comensais, iso non impediu que todas aquelas persoas que se animaron a participar comeran bastante ben e o pasaran ben, que boa falta nos fai un pouco de alegría!

Así, tal e como ven sendo costume a xornada festiva daba comezo ás 12.30 da mañá co repique de campás (grazas ó Antonio), a correspondente procesión ó redor da igrexa parroquial e a posterior misa na honra ó San Ceriz. Con respecto a isto tamén queremos destacar o importante traballo levado a cabo pola veciñanza nos días previos para axeitar tanto o interior como o exterior do templo, así como a importante labor realizada por aquelas mulleres que sempre se encargan de ter a igrexa nas melloras condicións e perfectamente adornada. Bravo por todas estas persoas!!

Cumpridos os preceptivos actos relixiosos tocaba dirixirse ata o Outeiro para desgustar un tradicional menú á feira: empanada, polbo á feira, carne ó caldeiro con cachelos, bica, viño, auga, refrescos, café e licores varios. Un completo e farturento menú que de seguro que deixou satisfeito ós máis exquisitos padais e aínda que este ano non houbo música a sobremesa si deu pe a interesantes e longas conversas, pois as ganas de socializar despois de dous anos son moitas, e aínda que ó principio custa dar o paso de asistir a estes eventos, logo agradécese moito. E como non, tamén houbo tempo para xogarlle unha partidiña ás cartas.

Dende a asociación de veciños agardarmos que a celebración fose de gusto de todas aquelas persoas que se animaron a asistir e ogallá o vindeiro ano poidamos celebrala de novo. Polo de pronto aquí vos deixamos un vídeo da procesión e unhas cantas fotografías.

Pulsa aquí para acceder á galería fotográfica do San Ceriz 2022

12 de Xuño do 2022




Destacamos