O III Serán de Zarracós puxo en valor a música de raíz e o teatro

O pasado sábado 2 de xullo os alumnos e alumnas do curso de canto e pandeireta deron vida a un mercado de principios do século XX

O III Serán de Zarracós puxo en valor a música de raíz e o teatro

Tras unha “breve” pausa motivada polo coronavirus o Serán de Zarracós volveu ó campo da festa o pasado sábado 2 de xullo para acadar a súa terceira edición. Ata este lugar achegáronse un bo número de veciñas e veciños da parroquia, así como, dos pobos limítrofes para gozar da actuación das alumnas e alumnos de curso de pandeireta e canto tradicional de Zarracós.

O tempo é o que ten, algúns anos ten chovido para esta representación, pero este tocou un sol de xustiza e bastante calor polo houbo que demorar a actuación ata as oito e media da tarde, e así aproveitar un pouco a sombra. Chegada a hora e sobre un escenario improvisado diante do local sociocultural as alumnas e alumnos do curso de canto e pandeireta levaron a cabo un espectáculo no que se combinaron pezas de música tradicional con teatro.

A obra, creada exclusivamente para a ocasión pola profesora do curso (Cristina Calle) constaba de seis escenas ben diferenciadas: Costureiras e Esmorgantes, Peixeiras, Ferreira, Zoqueira, Colchón e Taberna, facendo así unha pequena homenaxe ós oficios tradicionais dos nosos antecesores no que podía ser unha feira ou mercado de principios do século XX. Entre breves interpretacións teatrais intercalábanse cancións da cultural popular galega/portuguesa como: “Costureiriña bonita”, “Xota de Rianxo”, “Valse de Piñeiros”,”Mullerciña non bebas viño”, “Xota da Xirarga”, “Laurindiña” e  “Pasodobre Morena Por ti”.

Unha vez rematada a actuación, a esmorga trasladaríase ó interior local sociocultural,  onde o público asistente puido dar boa conta duns abundantes pinchos por cortesía das alumnas e alumnos do curso. Unha xuntanza cativa, pero ben necesaria despois de dous anos de obrigado descanso, pero que deu lugar a animosas conversas e a canterías, sempre cunha pandeireta na man.

Dende a asociación de veciños e en nome da parroquia de Zarracós non podemos máis que agradecerlle o inmenso traballo realizado por Cristina, a profesora de pandeireta e alma mater, a súa entrega, paixón, compromiso, dedicación, profesionalidade e trato dende o primeiro intre.

Agardamos que este humilde evento fose do agrado de todos aqueles que vos animastes a achegarvos ata o campo da festa de Zarracós, e ogallá que nunca falte o bo humor e as ganas de festa nos nosos pobos.

A continuación deixámosvos o vídeo completo do evento e o enlace a unha galería fotográfica composta por máis de 100 imaxes:

Pulsa aquí para ver a Galería Fotográfica do III Serán de Zarracós

06 de Xullo do 2022




Destacamos