Un gran xesto da veciñanza da parroquia e da contorna que permitiron doar unha cantidade excepcional de comida
As múltiples crisis e problemas que afectan a nosa sociedade non son capaces de minar o espírito solidario da veciñanza da parroquia de Zarracós e da contorna, que un ano máis volveu amosar a súa cara máis altruísta doando ó Banco de Alimentos de Ourense a nada desprezable cifra de 368 quilos de alimentos (exactamente o mesmo peso que no ano 2023, e soamente 3 quilos menos que na edición do 2022), algo que sen dúbida é de por en valor, pois hai que ter en conta o incremento esaxerado que se produciu no prezo dos alimentos estes últimos anos.
É así que o desinterese, a indiferenza, a apatía... non son palabras que definan á veciñanza da parroquia de Zarracós e arredores, que novamente souberon estar á altura da complicada situación que viven moitas persoas do noso país e colaboraron decididamente coa décima edición da campaña “Ante a adversidade, solidariedade” promovida pola asociación de veciños e pola parroquia. Pois son sabedores de que sempre hai necesidade, que cada vez hai máis desigualdades na sociedade, que moitas familias atravesan unha situación complicada e teñen que acudir a diferentes organizacións benéficas para poder comer cada día.
Por todas estas cousas, non podemos máis que sentirnos orgullos de formar parte desta gran parroquia e desta gran zona (A Broa), e como non, expresar a nosa profunda gratitude a todas aquelas persoas que se animaron a achegar o seu gran de area. Tampouco, queremos deixar pasar a ocasión sen agradecer a extraordinaria labor social que realizan de xeito totalmente altruísta os centos de voluntarios que todos os días colaboran con distintas ONGs, coma neste caso, o Bancos de Alimentos de Ourense.
Hoxe, tamén queremos ter unha especial mención a Miguel Castro Castro, que nos deixaba a principios do mes de decembro. Desde que colaboramos co BAO, el foi sempre o voluntario encargado de vir recoller os alimentos doados pola parroquia, DEP.
Non temos un reconto exacto dos alimentos entregados pero si podemos darvos algúns datos: máis de 125 litros de leite, máis de 25 litros de aceite, leite en po infantil, máis de 10 botes de cacao en po, máis de 30 paquetes de galletas, máis de 50 paquetes de pasta, potitos, cereais, arroz, produtos de hixiene, legumes, conservas , turrón, embutidos, ....
18 de Decembro do 2024