Un total de 103 persoas gozaron dunha nova edición do xantar popular da parroquia
O Xantar Popular do San Ceriz non perde forza co paso dos anos, e boa mostra diso foi a celebración do pasado sábado 14 de xuño, cando se xuntaron 103 persoas dispostas a compartir unha comida farturenta, saborear os pratos tradicionais e, sobre todo, convivir en harmonía e amizade co resto da veciñanza.
Nesta edición, que supón xa vinte seis anos de celebracións, a asistencia superou con creces a do ano anterior, algo que dende a asociación de veciños valoramos moi positivamente. Sabemos que o prezo pode parecer elevado para algunhas persoas, pero tamén entendemos que manter o formato orixinal da “pulpada” é unha maneira de respectar a esencia coa que naceu esta iniciativa. Cambiala por outro tipo de comida, como unha churrascada, sería desvirtuar o espírito co que se iniciou este xantar.
A xornada comezou cunha misa na honra ó San Ceriz, á que acudiron numerosos asistentes. Este ano non puidemos contar co tradicional repique de campás, mais iso non lle restou solemnidade nin emoción ao acto. Queremos destacar e agradecer o esforzo realizado pola veciñanza nos días previos, tanto no acondicionamento do templo como na súa decoración interior. Un recoñecemento especial tamén para as mulleres que, como sempre, manteñen a igrexa en perfecto estado e con ese toque tan coidado. Grazas por ese traballo silencioso e imprescindible.
Tras os actos relixiosos, chegou o momento máis esperado: a comida baixo a carpa instalada no Campo da Festa. O menú mantivo a esencia tradicional: empanada, polbo á feira, carne ó caldeiro con cachelos, bica, viño, auga, refrescos, café e licores. Unha combinación que non falla, pensada para satisfacer ata os padais máis esixentes.
E como xa é habitual, despois da comida chegou a música. Begoña, Antonio, Pepe, Domelo, Anita, Celsa, Benita,... puxéronse mans á obra cos seus instrumentos (gaita, bombo, tamboril e pandeiretas) para encher o ambiente de melodías tradicionais que fixeron as delicias dos presentes.
Dende a asociación de veciños queremos agradecer a participación de todas as persoas que se achegaron e contribuíron a manter viva esta celebración. Agardamos que o vindeiro ano, se cabe, sexa aínda mellor. Mentres tanto, deixámosvos aquí uns vídeos e fotografías para revivir os mellores momentos da xornada.
16 de Xuño do 2025