Xoves 21 de agosto ás 20:15 horas
O xoves 21 de agosto ás 20:15 horas, o campo da festa de Zarracós converterase nun espazo de encontro artístico coa performance Impás, creada e interpretada por Cristina Solé, Nuria Rodríguez e Alba Núñez.
Esta proposta de circo contemporáneo e poesía ofrécenos unha experiencia escénica na que o corpo, a palabra e a memoria se entrelazan para abrir unha fenda no ritmo acelerado da vida cotiá. As voces do pasado, os susurros herdados e os ecos esquecidos convidarán a deternos, escoitar e sentir, suspendendo o tempo por un intre.
Desde esa escoita profunda, íntima e colectiva, emerxerá unha nova narración: unha historia que nos permita rehabitar os nosos corpos como territorios vivos, vulnerables e cheos de memoria.
Impás non é só un espectáculo, é un acto de resistencia, de beleza e de busca; unha oportunidade para reconectar co aquí e o agora a través dunha linguaxe escénica que vai máis alá da simple exhibición para converterse nunha experiencia compartida.
Un convite aberto a quen queira parar, respirar e vivir o presente nunha tarde de arte e emoción.
Nota: Haberá servizo de bar
15 de Agosto do 2025