Celebrada os días 31 de xullo e 1,2,3 e 5 de agosto de 2025
Un ano máis, a parroquia de Zarracós volveu vestir as súas mellores galas para celebrar a Festa das Neves, que nesta edición tivo lugar entre o 31 de xullo e o 5 de agosto de 2025. Foron cinco días cheos de encontros, sorrisos, música e tradición, que deixaron gravados momentos inesquecibles na memoria de quen se achegou ao torreiro.
Este ano a organización correu a cargo dunha nova comisión de festas formada por Aroa, Iria, Brais e Gabriel, que con ilusión, esforzo e cariño fixeron posible que todo saíse á perfección. Grazas a eles e á colaboración da veciñanza, a parroquia volveu converterse nun espazo cheo de vida e de convivencia.
A festa arrincou o xoves co torneo de tute contando cunha notable participación e no que se proclamou gañadora a parella formada por Andrés e Aníbal, mentres que os subcampións foron Jorge e Roberto. Á par, celebráronse uns xogos de pistas para os máis pequenos, que encheron o local sociocultural de risas e complicidade.
O venres foi día de reencontros no campo da festa: xogos infantís e para maiores, unha saborosa chourizada e a actuación do noso querido Grupo de Acordeóns Bieito Blanco, que un ano máis puxo música ao corazón da parroquia. A noite alongouse con karaoke e música variada, onde ninguén quedou sen cantar ou bailar.
O sábado comezou coa alegría da charanga Nova de Trives, que acompañou a misa e a procesión. Pola tarde, o fútbol sala enfrontou a pequenos e maiores, e pola noite o Trío Élite fixo bailar a todo o torreiro ata altas horas.
O domingo foi día grande: a charanga El Brexit percorreu a parroquia, acompañou a procesión e animou a sesión vermú. Xa pola tarde celebrouse o tradicional torneo de chave no que se proclamou gañador Alberto “Chispas”, seguido pola verbena do Grupo Yukatán, que mantivo a xente animada ata a queimada popular de fin de festa, momento máxico e entrañable. Ademais, no descanso celebrouse o esperado sorteo de 300 € en efectivo, onde o primeiro premio foi parar a Manuel Fernández Fernández (da Torre), o segundo a Manuel Vázquez Taín e o terceiro a Nané.
O 5 de agosto, Día das Neves, puxo o broche de ouro á celebración coa procesión ao Campo, un dos momentos máis emotivos da nosa festa. O arco floral, as colchas e bandeirolas, a recitación dos exemplos polas máis pequenas… todo contribuíu a manter viva unha tradición que nos enche de orgullo. A misa solemne e a sesión vermú puxeron o punto final a esta edición tan especial.
Se algo define a Festa das Neves é a súa forza colectiva. Sen a colaboración das familias, da mocidade, dos músicos, das persoas que mercan rifas, das que xogan, cantan ou simplemente achegan a súa man… esta festa non sería posible.
Este ano Zarracós volveu demostrar que cando a veciñanza se une, a parroquia latexa con máis forza ca nunca. Grazas a todas e todos por facer da Festa das Neves 2025 un éxito e por manter viva unha tradición que nos identifica, nos une e nos fai sentir orgullo do noso rural.
Xa contamos os días para volver repetir en 2026!
26 de Agosto do 2025