O pasado xoves 14 de agosto proxectouse a Velada do Nadal de Corvillón de 1993
Por segundo ano consecutivo e a iniciativa dun grupo de veciñas e veciños e co apoio da asociación de veciños, que dispón de todo o material necesario, organizouse unha nova velada de cinema ao aire libre. Nesta ocasión proxectouse a cinta da “Velada do Nadal Corvillón 28/12/1993”.
A cita tivo lugar a noite do pasado xoves, 14 de agosto, na praza do Campo de Zarracós, onde se xuntaron preto dun cento de persoas con ganas de revivir momentos especiais.
A proxección espertou a emoción e a nostalxia ao recoñecer nas imaxes a moitas persoas da zona e, para ledicia de todos, a experiencia foi dobremente especial: moitos dos protagonistas da cinta, que daquela eran nenos ou adolescentes, estaban agora presentes entre o público, recoñecéndose máis de 30 anos despois. Un momento único de risas, lembranzas e apertas que fixo a velada aínda máis entrañable.
Mentres tanto, a rapazada montou un pequeno bar improvisado, ofrecendo bebidas frescas e flocos de millo, o que axudou a prolongar a xornada entre conversas, risas e música de todas as épocas ata ben entrada a noite.
Unha cita que volveu demostrar que o cinema ao aire libre é tamén unha oportunidade para compartir memoria, reencontrarse e celebrar a vida en comunidade.
Deixamos aquí algúns fragmentos do vídeo proxectado para que poidades velo cando queirades:
26 de Agosto do 2025