O Concello da Merca mellorará as entradas de Zarracós e o cambio de rasante do Outeiro

O proxecto, pendente de licitación, atende unha vella demanda veciñal e conta cun investimento de máis de 8.000 euros

O Concello da Merca mellorará as entradas de Zarracós e o cambio de rasante do Outeiro

Esta intervención dá resposta a unha vella demanda da asociación veciñal, que levaba tempo solicitando o arranxo das fochancas da estrada municipal que comunica as aldeas de O Casal e Salpurido con Zarracós, e que enlaza coa estrada provincial OU-0205 a través dos seus dous ramais.

Así mesmo, a comezos deste ano tamén se solicitara unha pequena actuación no cambio de rasante situado xunto ao Campo da Festa de Zarracós, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria neste punto. Trátase dun lugar onde numerosos vehículos cortan a curva pola herba para evitar posibles colisións ou incidentes.

A intervención incluída no proxecto, actualmente en fase de licitación, permitirá solucionar o problema do cambio de rasante do Outeiro e, de maneira parcial, o das fochancas da estrada municipal, xa que a actuación se centrará unicamente nas entradas de Zarracós.

Esta obra enmárcase nun proxecto máis amplo que contempla melloras noutras estradas municipais. En concreto, a partida orzamentaria destinada aos traballos na parroquia de Zarracós ascende a 6.949,63 € máis o 21 % de IVE, é dicir, un total aproximado de 8.409 €.

Dende a asociación veciñal amosamos a nosa satisfacción por que finalmente se atenda esta vella reivindicación e agardamos que nun futuro próximo se poida actuar tamén nos tramos restantes da estrada.

Así se describe nos pregos do proxecto a intervención que se vai realizar:

2.2.- Mellora accesos Zarracós

O proxecto contempla a mellora dos dous accesos asfaltados que comunican o núcleo rural de Zarracós coa estrada local que une os lugares de Fontao e Olás. Estes viarios, con lonxitudes de 416 e 465 metros respectivamente e unha anchura media de 4 metros, presentan un firme asfáltico deteriorado pola acción do tempo e o tránsito acumulado. En ambos casos obsérvanse buratos e zonas con perda parcial do pavimento, que comprometen a seguridade da circulación e xeran molestias aos usuarios.

A intervención prevista consistirá na reparación puntual dos buratos mediante bacheo en quente, co obxectivo de recuperar a funcionalidade do firme e garantir unha condución segura. Ademais destas tarefas, está prevista a reposición dun marxe lateral en formigón que se atopa moi deteriorado nun tramo concreto. Esta intervención supón a reposición de 45 metros de lonxitude e 1 metro de ancho, composto por unha base de 20 cm de zahorra artificial e unha capa de 15 cm de formigón HM-20 lixeiramente armado con mallazo. Esta solución permitirá estabilizar o bordo da calzada, evitar a erosión da plataforma e protexer o firme das infiltracións de auga, prolongando así a vida útil da vía.

Podedes atopar unha información máis detallada no seguinte vínculo, correspondente ao Perfil do Contratante do Concello da Merca:

https://contrataciondelestado.es/FileSystem/servlet/GetDocumentByIdServlet?DocumentIdParam=vblKqukqGjEC6TnrGlIXRad/ZZG6ULZ7k4hoYHJ6TbPlrfmvD%2BxZA7VWoCQ%2BMk3uTvLAEfVWroDuaHX6PvFxWJN2t9XF%2B1%2BK6UDEeeRcobaB0nvVKRzfe4rpHcnlPhSZ&cifrado=QUC1GjXXSiLkydRHJBmbpw%3D%3D

 

14 de Outubro do 2025




Destacamos