Despois das boas sensacións de 2025, a comisión de festas formada por Aroa, Iria, Brais e Gabriel repite tamén este ano
Despois do éxito e das boas sensacións vividas na Festa das Neves 2025, temos o pracer de anunciar que xa está en marcha a organización da Festa das Neves 2026. A comisión de festas estará novamente formada por Aroa, Iria, Brais e Gabriel, que decidiron repetir experiencia e seguir á fronte da organización das festas patronais deste ano.
Para eles non é un grupo pechado, nin moito menos, e seguen abertos a aceptar a colaboración de calquera persoa que desexe botar unha man. É un orgullo para toda a parroquia que un grupo de xente moza, que non reside de xeito habitual aquí, continúe asumindo con tanta ilusión e responsabilidade a organización da nosa festa, simplemente porque para eles é a mellor escusa para xuntarse cada verán e regresar á aldea das súas raíces.
Dende a asociación de veciños, queremos expresar novamente todo o noso apoio a este grupo humano e pedímosvos que tamén vós fagades o mesmo: que lles deades confianza, que lles axudedes en todo o posible e que os tratedes igual de ben que nos tratastes a nós ao longo destas tres décadas consecutivas de festa.
Como é habitual, a festa realizarase baixo o amparo legal da asociación de veciños, figurando nos carteis tanto o logotipo da comisión de festas como o da asociación. No relativo á parte económica, dende a asociación recadaranse as cotas veciñais, mentres que a comisión de festas seguirá encargándose de xestionar outras iniciativas para completar o orzamento necesario, así como da organización propia das festas: carteis, alborada, música, torneos, xogos infantís, etc.
E agora si, presentamos o programa festivo inicial das Neves 2026:
Mércores, 5 de agosto de 2026
Acompañamento da procesión ao Campo, da misa e da sesión vermú a cargo dos Gaiteiros Castrodeallo
Sábado, 8 de agosto de 2026
Charanga Achicoria
Trío 3.com
Domingo, 9 de agosto de 2026
Charanga El Brexit
Grupo Galia
Sen dúbida, temos por diante outro verán cheo de música, ledicia e reencontros. As Neves 2026 xa están en marcha, e con esta comisión á fronte, o éxito está garantido!
15 de Outubro do 2025