A celebración congregou 135 veciños e visitantes nun encontro cheo de sabores, lembranzas e comunidade
O sábado 8 de novembro, a parroquia de Zarracós volveu acender unha das súas tradicións máis queridas. A XXXI edición do magosto da parroquia chegou cun regalo que ninguén esperaba ao longo da semana e a estas alturas do outono: un día soleado e calmo, perfecto para reunir ás 135 persoas que se achegaron ata o campo da festa para compartir unha xornada que soubo a encontro, lembranza e celebración.
Este ano, a organización comezara moito antes de botar a andar o lume. Durante a semana, grupos de veciños coordináronse para recoller e transportar leña. Grazas a ese esforzo, varios remolques de leña agardaban pacientemente o seu momento. E así, á primeira hora da mañá, a fogueira comezou a erguer o seu fume, marcando o inicio simbólico da festa.
Co día abrindo luminoso, as voluntarias e voluntarios puxéronse mans á obra: empanadas que ían sendo cortadas, lacóns preparados, pan e bicas colocadas con coidado, café de pota recen feito e bebida para quen se fose achegando. A poucos metros, outras mans controlaban o lume, asando chourizos e sobre todo castañas, que novamente volveron brillar pola súa calidade. Asadas no musgo dos piñeiros, coma manda a tradición, desprendían ese arrecendo tan característico que anuncia que o magosto está no seu mellor punto.
A hora do xantar foi un pequeno retrato da parroquia Zarracós: mesas compartidas, comida e bebida a fartar, e ese murmurio alegre que só se escoita cando a xente está a gusto. E, xa coa sobremesa e os chupitos enriba da mesa, chegou a música. As pandeireteiras e pandeireteiros da parroquia, xunto co gran mestre Xan Pérez, enchérono todo con cantigas tradicionais.
A tarde avanzou entre conversas, partidas de cartas improvisadas, paseos curtos e a certeza de que este tipo de celebracións manteñen viva a vida do lugar. Ao caer o sol —que acompañara con xenerosidade toda a xornada— aínda quedaba comida dabondo para cear, como adoita ocorrer, e aquelas persoas que se animaron volveron xuntarse no local social para dar boa conta dela.
Antes de pechar esta crónica, cómpre dicilo claro: sen o labor constante de todas as persoas que axudan, organizan e poñen tempo e ilusión, este magosto non sería posible. Grazas por facer que, un ano máis, a parroquia de Zarracós prendese lume á súa tradición máis cálida.
15 de Novembro do 2025