Do 1 ao 15 de decembro: Recollida de alimentos para o Banco de Alimentos de Ourense
Durante os dez anos anteriores, e grazas á enorme xenerosidade de toda a veciñanza, fomos quen de entregar ao Banco de Alimentos de Ourense e a outras entidades como Cáritas Ourense máis de 350 quilos de alimentos cada ano.
Nos últimos tempos, debido á sucesión de calamidades que estamos a vivir —a pandemia, a guerra de Ucraína, a crise enerxética, a elevada inflación, as inundacións provocadas pola DANA…— faise necesaria, máis ca nunca, a solidariedade de todas aquelas persoas que poidan achegar o seu pequeno gran de area, neste caso en forma de alimentos. Por iso, desde a asociación de veciños mantemos o noso compromiso anual e poñemos en marcha a XI edición da campaña “Ante a adversidade, solidariedade”, coa que, en colaboración co noso párroco Don Miguel Blanco, recolleremos alimentos para doar ao Banco de Alimentos de Ourense entre o 1 e o 15 de decembro de 2025.
Desde a ONG infórmannos de que, nestes momentos, os produtos máis necesarios son: leite, aceite, galletas, cacao en po, alimentos infantís (potitos, papillas, leite en po…), conservas de pescado e produtos de Nadal. Con todo, será ben recibido calquera alimento non perecedoiro que se poida doar.
Aínda que a data límite para a recollida está fixada no 15 de decembro de 2025, recomendamos non agardar ata o último día, xa que nestes derradeiros meses do ano o Banco de Alimentos acumula unha grande carga de traballo e, nalgúns casos, vense obrigados a adiantar a recollida para poder organizarse correctamente.
19 de Novembro do 2025