A celebración reuniu 60 persoas e marcou o regreso dunha tradición que continuará o 28 de novembro de 2026
Tras cinco longos anos de paréntese, o Xantar Popular do San Andrés regresou este sábado 29 de novembro de 2025 coa súa cuarta edición, e fíxoo por todo o alto. A ilusión polos reencontros e as ganas de recuperar unha tradición tan querida fixeron que o local sociocultural rebordase de bo ambiente e sorrisos, reunindo a 60 veciñas e veciños da parroquia.
A xornada comezou, como manda a tradición, cos actos relixiosos en honra ao noso patrón ás 12.30 da mañá. E, ao rematar, a comitiva de asistentes encamiñouse cara ao local sociocultural, onde ás dúas da tarde os agardaban mesas engalanadas e un ambiente que xa facía presaxiar unha celebración inesquecible.
E así foi. O menú, pensado para volver con forza, fixo as delicias de todas e todos: empanada, churrasco mixto, chourizo parrilleiro, criollo, bica, bebida, café e chupitos. Un festín á altura do reencontro, compartido nun clima de alegría, historias recuperadas e moitas ganas de celebrar.
Dende a Asociación de Veciños queremos expresar o noso fondísimo agradecemento a todas as persoas que se animaron a participar deste encontro, así como, á empresa Ecocatering Coffee Shop Bar Tito por ofrecernos un xantar farturento e saboroso, servido de maneira maxistral. Ver de novo o local social cheo, sentir a harmonía entre a xente e comprobar somos unha parroquia unida, para nós, é a mellor recompensa.
E, como non podía ser doutro xeito, este regreso non é máis que o comezo dunha nova etapa. O Xantar Popular volve con vocación de continuidade, e xa temos unha nova cita marcada no calendario: o 28 de novembro de 2026 reencontrarémonos de novo.
01 de Decembro do 2025