Nova beirarrúa perimetral para protexer o palco da música de Zarracós

A obra permite evitar filtracións e humidades, atendendo unha vella demanda desta asociación veciñal

Nova beirarrúa perimetral para protexer o palco da música de Zarracós

O Concello da Merca vén de dar resposta a unha vella e importante reivindicación desta asociación veciñal coa construción dunha pequena beirarrúa de cemento arredor do palco da música.

Esta intervención, sinxela na súa execución pero moi necesaria, ten como finalidade evitar a filtración de auga nas cimentacións e, en consecuencia, poñer fin ás humidades por capilaridade e ás filtracións de auga que se viñan producindo no baixo do palco. Co novo perímetro pavimentado, deseñado cunha lixeira caída cara ao exterior e unha canle, conséguese afastar a escorrentía da choiva da estrutura, garantindo un mellor estado de conservación deste espazo lúdico.

Esta mellora non só resolve un problema recorrente que afectaba á integridade do edificio, senón que tamén contribúe a prolongar a súa vida útil e a reforzar a seguridade e o bo aspecto do recinto. Trátase dunha actuación preventiva que, sen dúbida, evitará futuros danos e reducirá a necesidade de reparacións máis custosas no futuro.

Dende a asociación queremos expresar o noso agradecemento ao Concello pola realización desta obra, que atende unha demanda que levabamos tempo trasladando e que supón un paso adiante na conservación dun espazos emblemático da parroquia. Esta actuación súmase ao constante esforzo desta asociación por manter o palco da música nas mellores condicións posibles, sempre co obxectivo de que continúe sendo un lugar de encontro para a veciñanza.

01 de Decembro do 2025




Destacamos