Cando unha parroquia se une, a solidariedade medra

A parroquia de Zarracós e a súa contorna achegan 400 quilos de alimentos nun novo xesto de xenerosidade

Cando unha parroquia se une, a solidariedade medra

As crises e dificultades actuais non foron quen de apagar a solidariedade da veciñanza da parroquia de Zarracós e da súa contorna. Un ano máis, a comunidade volveu dar exemplo reunindo arredor de 400 quilos de alimentos destinados ao Banco de Alimentos de Ourense, un xesto cheo de humanidade nun contexto de crecente dificultade para moitas familias.

En Zarracós non teñen cabida a indiferenza nin a apatía. A veciñanza soubo responder con xenerosidade, consciente de que cada achega conta e de que detrás de cada quilo hai persoas que precisan apoio. Por iso, sentímonos orgullosos de formar parte desta parroquia e desta terra, A Broa, onde a solidariedade segue a ser un valor vivo.

Grazas de corazón a todas as persoas que colaboraron e ás voluntarias e voluntarios que, de xeito altruísta, fan posible cada día a extraordinaria labor do Banco de Alimentos de Ourense.

Entre os alimentos recollidos destacan 109 litros de leite, 48 litros de aceite, máis de 50 paquetes de galletas e máis de 50 paquetes de pasta, ademais doutros produtos básicos. Máis alá das cifras, queda a certeza de que en Zarracós a solidariedade continúa moi presente.

16 de Decembro do 2025




Destacamos