Na noite do sábado 27 de decembro, a parroquia celebrou unha nova edición dun evento xa imprescindible para o rural
O Concerto de Nadal continúa a ser, edición tras edición, unha das citas culturais máis destacadas da nosa parroquia e da contorna. Así, na fría noite do sábado 27 de decembro, a Igrexa Parroquial de San Andrés de Zarracós volveu abrir as súas portas para acoller a undécima edición deste certame musical, que reuniu a veciñanza arredor da música e da tradición nun espazo tan simbólico como necesario para o rural galego.
Aínda que nesta ocasión o aforo non se completou, o público asistente demostrou unha vez máis que iniciativas coma esta son fundamentais para manter viva a vida cultural nas parroquias, ofrecendo alternativas de lecer e encontro máis alá dos actos habituais. Nun contexto no que o rural loita contra o despoboamento e a perda de actividades, celebrar un concerto destas características nunha igrexa do interior de Galicia é, sen dúbida, un motivo de orgullo colectivo.
Polo presbiterio da igrexa foron pasando ao longo da noite artistas de perfís moi diversos, desde alumnado en formación ata músicos consolidados, todos eles cun obxectivo común: facer gozar ao público. O concerto deu comezo co Grupo de Pandeireta de Zarracós, que interpretou varias pezas de canto tradicional, enchendo o templo de sonoridades propias do Nadal e da música popular galega.
A continuación, subiron ao escenario Laila Franqueira (piano), que interpretou City of Stars e My Way, e Álvaro Rial (piano), que sorprendeu ao público con To Zanarkand e Nuvole Bianche, demostrando unha vez máis o talento das novas xeracións formadas na escola de música.
O bloque de música tradicional continuou coa actuación de Xan Pérez e Bieito Blanco, que interpretaron a Xota de Ordes e a Muiñeira de Freixido, ofrecendo unha combinación maxistral de gaita e acordeón. Pola súa banda, o tenor Baldomero Pavón emocionou aos presentes coa interpretación de OsPaxariños, Dilaila e Ojos de España.
Un dos momentos máis especiais da noite chegou da man de César Cuquejo e Bieito Blanco, coa peza La Titiritera, e de Marta Justo (canto), que interpretou Ciudad de Papel e Santa tell me. O Grupo de Acordeóns Bieito Blanco foi o encargado de poñer en pé ao público cun repertorio amplo que incluíu La bella Lola, Vals nº2, Libre, un Popurrí de Boleros, Noche de Paz, El Tamborilero e Blanca Navidad (Popurrí).
Como xa é tradición, o concerto pechouse cun emotivo final no que todos os artistas participantes subiron ao escenario para interpretar conxuntamente o Cantar de Reis de Bustelo e Que se despierte, compartindo escenario e emocións co público asistente.
Desde a Asociación de Veciños de San Andrés de Zarracós queremos agradecer sinceramente a todas as persoas que fixeron posible unha nova edición do Concerto de Nadal, especialmente a Bieito Blanco, ao profesorado e alumnado da escola de música, aos artistas participantes e, por suposto, ao público que, pese ao frío da noite, decidiu achegarse á igrexa para apoiar a cultura no rural.
Eventos coma este demostran que o rural segue vivo cando hai música, colaboración e vontade colectiva. Zarracós volveu dicir presente, e a música volveu ser o mellor dos refuxios nunha noite de Nadal.
28 de Decembro do 2025