A cita gastronómica da Festa das Neves 2026 ofrecerá racións de chourizo á grella por 3 euros, con venda anticipada de tickets e tamén o propio día do evento.
A programación da Festa das Neves Zarracós 2026 continúa o venres 7 de agosto cunha das actividades gastronómicas máis agardadas do programa: a II Chourizada de Zarracós, unha oportunidade perfecta para compartir unha noite de convivencia arredor dun dos produtos máis representativos da gastronomía galega.
A cita dará comezo ás 22:00 horas no Campo da Festa, onde as persoas asistentes poderán degustar unha ración de chourizo á grella por un prezo popular de 3 euros.
Os tickets poderán adquirirse de forma anticipada a través dos membros da Comisión de Festas Zarracós 2026, aínda que tamén estarán dispoñibles o propio día da celebración no Campo da Festa, ata esgotar existencias.
Tras a boa acollida da primeira edición, a organización aposta por dar continuidade a esta iniciativa, que busca ofrecer un novo espazo de encontro para a veciñanza e para todas as persoas que se acheguen a Zarracós durante as festas patronais.
Desde a Comisión de Festas Zarracós 2026 e a Asociación de Veciños San Andrés de Zarracós convídase a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta actividade, pensada para gozar da gastronomía, da convivencia e do ambiente festivo que caracteriza á Festa das Neves.
24 de Xullo do 2026