Prevención de incendios forestais

Información e recursos para a prevención de incendios forestais na parroquia de Zarracós

Nos últimos anos estamos a comprobar como, cada verán, os incendios forestais volven ocupar un lugar destacado na actualidade en Galicia. Xa non son un problema afastado que afecta unicamente a outras zonas: cada vez están máis preto das nosas aldeas, das nosas casas e dos nosos montes. A súa intensidade e os danos que provocan xeran unha fonda preocupación e, en moitos casos, un sentimento real de medo entre a veciñanza.

Son moitos os factores que explican esta situación: o progresivo despoboamento do rural, o abandono das terras de cultivo, a falta dunha xestión axeitada da biomasa, a acumulación de maleza nos montes ou as secas prolongadas, que ano tras ano agravan o risco de incendios. Todo isto conforma un escenario no que o lume se propaga con facilidade e resulta cada vez máis difícil de controlar.

Somos conscientes de que moitas destas causas son complexas e dependen, en boa medida, das políticas e dos recursos das diferentes administracións públicas. Porén, desde a nosa asociación de veciños entendemos que tamén temos un papel activo que desempeñar. Non queremos quedar de brazos cruzados e, por iso, habilitamos esta sección, na que recolleremos información de interese, recursos útiles e recomendacións prácticas para axudar á veciñanza a estar mellor informada e preparada fronte aos incendios forestais.

Bocas de incendio e material

Puntos de auga e recursos de extinción dispoñibles na parroquia

Nos seguintes mapas pódese consultar a localización das distintas bocas de incendio existentes na parroquia, así como do material de extinción que a Asociación de Veciños ten depositado en cada un dos tres fornos comunais.

En cada forno comunal dispónse de 50 metros de mangueira cos seus correspondentes accesorios, dous batelumes, unha chave en T e unha chave en L para a apertura das tapas das bocas de incendio. Ademais, en cada un deles hai unha copia plastificada destes mapas, que inclúen información de interese e poden resultar de gran utilidade tanto para a veciñanza en caso de emerxencia como para os servizos de extinción de incendios.

Este material ten como obxectivo facilitar unha resposta rápida e coordinada ante un incendio, reforzando a prevención e a protección das persoas, das vivendas e do territorio da parroquia.

Cómpre destacar que este material é de uso compartido por toda a veciñanza e que, en caso de emerxencia, calquera persoa poderá facer uso del, con independencia da aldea na que resida.

Bocas de incendio Zarracós (1)

Zarracós (1)


Bocas de incendio Zarracós (2)

Zarracós (2)


Bocas de incendio Salpurido

Salpurido


Bocas de incendio Cobas do Río

Cobas do Río


Existen copias das chaves para acceder aos distintos puntos de almacenaxe do material de extinción en cada unha das aldeas, co fin de garantir unha resposta rápida en situacións de emerxencia. A relación de persoas que dispoñen de copia é a seguinte:

Zarracós

Manuel Taín (O Outeiro)
Maricarmen Quintas (A Torre)

Salpurido

Cobas do Río

Faixas de protección

Como protexer vivendas, persoas e territorio fronte aos incendios forestais

A normativa forestal galega establece unha serie de distancias mínimas obrigatorias que deben respectarse nas plantacións de eucaliptos, piñeiros e acacias. O seu principal obxectivo é reducir o risco de incendios forestais, protexer as persoas e as vivendas, e garantir a convivencia entre o monte, as actividades agrarias e as infraestruturas.

Estas distancias varían segundo o tipo de terreo ou elemento próximo á plantación:

  • Vivendas, solo urbano e núcleos rurais: débese manter unha distancia de ata 50 metros, que ademais debe estar libre de biomasa vexetal. Nesta franxa non poden existir eucaliptos, piñeiros nin acacias.
  • Parcelas forestais limítrofes: a distancia mínima é de 2 metros.
  • Zonas de cultivo, prados e pastos: requírense 10 metros, reducibles no caso de especies frondosas caducifolias.
  • Estradas e vías de ferrocarril: tamén se establece unha separación mínima de 10 metros.
  • Pistas forestais principais: a distancia oscila entre 2 e 6 metros, segundo o nivel de risco da zona.
  • Infraestruturas eléctricas: é obrigatorio manter unha distancia mínima de 5 metros.
  • Ríos, regatos e canles fluviais: a separación pode ir de 5 a 15 metros, dependendo da anchura da canle.

Cómpre destacar que as especies frondosas caducifolias (como carballos, castiñeiros, bidueiros ou freixos) teñen requisitos menos esixentes, xa que presentan menor risco de propagación do lume, segundo recolle a Lei de Montes de Galicia.

O cumprimento destas medidas non só é unha obriga legal, senón tamén unha ferramenta clave para avanzar cara a unha xestión forestal máis segura, sostible e responsable, contribuíndo á protección do territorio e das persoas que viven nel.

Faixas de protección contra incendios forestais: Zarracós (1)

Zarracós (1)


Faixas de protección contra incendios forestais: Zarracós (2)

Zarracós (2)


Faixas de protección contra incendios forestais: Zarracós (3)

Zarracós (3)



Faixas de protección contra incendios forestais: Salpurido

Salpurido


Faixas de protección contra incendios forestais: Cobas do Río

Cobas do Río


IMPORTANTE

Para garantir unha adecuada xestión da biomasa forestal e unha correcta prevención dos incendios forestais, todos os terreos situados dentro da franxa verde deberán ser obxecto de labores periódicos de limpeza e desbroce, cando menos unha vez ao ano. Estas actuacións realizaranse preferentemente durante a primavera, co obxectivo de reducir a carga de combustible vexetal, minimizar o risco de propagación do lume e mellorar a seguridade das persoas, das edificacións e das infraestruturas próximas.

Compre destacar que, segundo a Lei 7/2012, de montes de Galicia, a limpeza e xestión da biomasa forestal é responsabilidade das persoas propietarias ou titulares dos terreos. O incumprimento desta obriga pode dar lugar a requirimentos da Administración e, de non atenderse, á execución subsidiaria dos traballos con cargo ás persoas responsables, así como á imposición de sancións administrativas.

Así mesmo e, no caso de detectar que non se están a cumprir as medidas de limpeza pertinentes, a asociación de veciños convocará unha asemblea xeral extraordinaria para tratar a situación e, previo acordo asambleario, poderá comunicar ás administracións competentes as referencias catastrais daqueles terreos pendentes de limpeza, co obxectivo de garantir a seguridade e a prevención de incendios.