A parroquia de Zarracós entregou 371 quilos de alimentos ó Banco de Alimentos de Ourense na campaña de 2022

Unha gran mostra de solidariedade dos veciños da parroquia e doutros lugares da Broa que permitiron doar unha cantidade de comida excepcional

A parroquia de Zarracós entregou 371 quilos de alimentos ó Banco de Alimentos de Ourense na campaña de 2022
A parroquia de Zarracós entregou 371 quilos de alimentos ó Banco de Alimentos de Ourense na campaña de 2022

O certo é que nos últimos anos non deixamos de encadear unha crise detrás doutra, cando non é o Coronavirus é a guerra de Ucraína ou a crise do ladrillo, pero  sempre hai necesidade, tanto é así que cada vez hai máis desigualdades na sociedade o que fai que moitas familias atravesen unha situación verdadeiramente complicada, tendo que acudir a diferentes organizacións benéficas para poder comer cada día.

Pero a indiferenza non é unha palabra que defina a veciñanza de Zarracós e arredores, que novamente souberon estar á altura da complicada situación que vive o país, e colaboraron decididamente coa campaña “Ante a adversidade, solidariedade” promovida pola asociación de veciños e pola parroquia.

Grazas a esa enorme colaboración, o pasado venres (16/12/2022) entregouse ó Banco de Alimentos de Ourense unha importante cantidade de alimentos, nada máis e nada menos 371 quilos, unha cifra realmente excepcional, sobre todo tendo en conta o reducido tamaño da nosa parroquia e o episodio inflacionista que estamos a vivir.

Pero neste 2022, a solidariedade da veciñanza foi moito máis alá, entregáronse 562,50€ a ACNUR para axudar ós refuxiados de Ucraína, recicláronse 437 quilos de tapóns que foron entregados á Fundación SEUR para axudar a nenas e nenos con problemas, colaborouse coa campaña anual do Domund, ...

Por todas estas cousas, non podemos máis que sentirnos orgullos de formar parte desta gran parroquia e desta gran zona (A Broa), e como non, expresar a nosa profunda gratitude a todas aquelas persoas que se animaron a achegar o seu gran de area. Tamén, non queremos deixar pasar a ocasión sen agradecer a extraordinaria labor social que realizan de xeito totalmente altruísta os centos de voluntarios que todos os días colaboran con distintas ONGs, coma neste caso, o Bancos de Alimentos de Ourense.

Non temos un reconto exacto dos alimentos entregados pero si podemos darvos algúns datos:  máis de 100 litros de leite, máis de 40 litros de aceite, leite en po infantil, máis de 15 botes de cacao en po, máis de 30 paquetes de galletas, máis de 50 paquetes de pasta, potitos, cereais, arroz, produtos de hixiene, legumes, conservas , turrón, embutidos, ....

 

20 de Decembro do 2022




Destacamos