O Concello da Merca acondiciona a fonte de Zarracós

O Concello da Merca acondiciona a fonte de Zarracós
O Concello da Merca acondiciona a fonte de Zarracós

Ó longo das últimas semanas, operarios da brigada de obras do Concello da Merca procedían a realizar diversos traballos coa finalidade de arranxar e acondicionar a fonte de Zarracós.

É ben certo que a arquitectura actual da fonte de Zarracós non é das máis fermosas que nos podemos atopar no rural galego e que as reformas acometidas nos últimos corenta anos foron conformando un aspecto que nada ten que ver co que esta construción tiña en orixe. Pero tamén é certo que  todas esas reformas foron feitas co obxectivo de mellorar a vida da veciñanza, pois a fonte era usada acotío para: regar as terras de labranza, regar o pasto para o gando, coller auga para beber, lavar a roupa ou  beber os animais ó ir ó monte.

Hai uns anos, nun forte episodio de seca, tamén se acometeron unhas reformas “pouco afortunadas” como foi a de baixar o cano ou abrir unha nova pía entre a pía orixinal e o tanque de lavar. O resultado, é  que a fonte presentaba un aspecto de desleixo bastante importante e ademais o tanque tiña fugas que facían que o nivel de auga fose bastante baixo.

Así, os operarios do concello procederon a selar esta segunda pía, arranxar e impermeabilizar o tanque de lavar, subir o nivel do chan da pía orixinal, impermeabilizar a pía orixinal, colocar novas chaves de paso... e o certo é que os aspecto xeral mellorou bastante. Cabe destacar tamén a colaboración de Vilanova que se ofreceu a carrexar todo o material necesario ata a fonte co seu tractor.

Para finalizar este artigo, queremos deixar unha pequena reflexión. Antigamente a fonte mantíñase limpa debido ó intenso uso que se lle daba, na actualidade por desgraza non é así, polo que co tempo, igual era necesario valorar a posibilidade de establecer uns días o ano para limpar a fonte entre todos aquelas persoas que desexen colaborar, por exemplo: o último sábado de mes par, unha vez cada tres meses, establecer un calendario anual de limpeza con días prefixados,...  

 

02 de Outubro do 2023




Destacamos