A parroquia de Zarracós entregou 368 quilos de alimentos ó Banco de Alimentos de Ourense na campaña de 2023

Un gran xesto solidario da veciñanza da parroquia e da contorna que permitiron doar unha cantidade excepcional de comida

A parroquia de Zarracós entregou 368 quilos de alimentos ó Banco de Alimentos de Ourense na campaña de 2023
A parroquia de Zarracós entregou 368 quilos de alimentos ó Banco de Alimentos de Ourense na campaña de 2023

Nin a inflación, nin o coronavirus, nin a guerra de Ucraína, nin a crise do ladrillo, nin o despoboamento, ... son capaces de minguar a vertente máis solidaria da veciñanza da parroquia de Zarracós e da contorna que un ano máis volveu amosar a súa cara máis altruísta doando ó Banco de Alimentos de Ourense a nada desprezable cifra de 368 quilos de alimentos, o que supón soamente 3 quilos menos que na edición do 2022,  algo que sen dúbida é de por en valor, pois hai que ter en conta o incremento esaxerado que se produciu no prezo dos alimentos.

Como ben diciamos o ano pasado,  a indiferenza non é unha palabra que defina á veciñanza da parroquia de Zarracós e arredores, que novamente souberon estar á altura da complicada situación que vive o país, e colaboraron decididamente coa campaña “Ante a adversidade, solidariedade” promovida pola asociación de veciños e pola parroquia. Pois son sabedores de que sempre hai necesidade, que cada vez hai máis desigualdades na sociedade, que moitas familias atravesan unha situación complicada e teñen que acudir a diferentes organizacións benéficas para poder comer cada día.

Por todas estas cousas, non podemos máis que sentirnos orgullos de formar parte desta gran parroquia e desta gran zona (A Broa), e como non, expresar a nosa profunda gratitude a todas aquelas persoas que se animaron a achegar o seu gran de area. Tamén, non queremos deixar pasar a ocasión sen agradecer a extraordinaria labor social que realizan de xeito totalmente altruísta os centos de voluntarios que todos os días colaboran con distintas ONGs, coma neste caso, o Bancos de Alimentos de Ourense.

Non temos un reconto exacto dos alimentos entregados pero si podemos darvos algúns datos:  máis de 115 litros de leite, máis de 40 litros de aceite, leite en po infantil, máis de 15 botes de cacao en po, máis de 30 paquetes de galletas, máis de 50 paquetes de pasta, potitos, cereais, arroz, produtos de hixiene, legumes, conservas , turrón, embutidos, ....

 

21 de Decembro do 2023




Destacamos