A páxina na internet da parroquia de Zarracós cumpre 20 anos

Máis de 1000 novas, máis de 19300 fotografías e máis de 1000 vídeos

A páxina na internet da parroquia de Zarracós cumpre 20 anos

Tal día coma hoxe, hai 20 anos comeza a funcionar esta páxina. Unha páxina que iniciaba a súa andaina cuns medios bastante humildes, un servidor prestado e un dominio gratuíto (algúns recordaredes aquilo de zarracos.tk) pero que hoxe en día conta cuns medios bastante máis  profesionais e cun dominio (www.zarracos.org) e servidor propios.

Para contextualizar un pouco este fito tan grande para a parroquia, é de salientar que, ó mesmo tempo que nacían portais tan importantes a nivel global como  Facebook (2004) ou Youtube (2005) e cando moitos dos concellos e institucións da provincia aínda non contaban cun portal na rede propio, xa daba os seus primeiros pasos esta páxina que na actualidade fai que todo canto acontece na parroquia de Zarracós (e arredores) poida ser visible en todo o mundo.

Moito choveu dende aquela, moito cambiaron as cousas, pero o certo é que fomos uns pioneiros neste ámbito, e aínda o somos a día de hoxe, pois poucas asociacións veciñais ou parroquias contan co seu propio sitio na internet. E tanto choveu (e quentou o sol) que neste noso portal hai publicadas máis de 1000 novas que dan boa conta do que aconteceu nestas dúas décadas e tamén hai subidas unhas 150 galerías fotográficas que conteñen máis de 19300 imaxes de case calquera evento que se celebrou na parroquia nestes vinte anos. En certa medida, a historia da nosa parroquia destes últimos catro lustros esta reflexada aquí.

A redes sociais

Pouco a pouco fóronse sumando distintas redes sociais e hoxe a asociación de veciños ten presenza en Facebook, Twitter (Agora X), Instagram e Youtube.

O noso perfil na rede social Facebook conta con máis de 1200 amizades, mentres que a páxina desta mesma rede social conta máis de 675 seguidores.

En Twitter (Agora X) contamos con máis de 430 seguidores e máis de 1800 posts.

Instagram, foi unha das últimas en chegar e a que nos sumamos aló polo ano 2017, pero nela xa contamos con máis de 650 seguidores e máis de 375 publicacións.

A canle de Youtube ten preto de 460 subscritores e nel hai máis de 1000 vídeos que acumulan unhas 372.000 reproducións. En concreto, o vídeo máis visto ten 24.000 visualizacións e correspóndese cun vídeo da charanga BCB dando a alborada en Cobas do Río o ano 2017.

Resumindo

Unhas cifras verdadeiramente sorprendentes para o portal na internet dunha pequena parroquia do rural galego e que agardamos continúen medrando pouco a pouco, sobre todo para ofrecer moitas e boas novas a todas aquelas persoas que vos animades a visitar este pequeno recuncho da inmensa rede de redes.

 

17 de Abril do 2024




Destacamos