Así foi a clausura do cursiño de manualidades 2015-2016

Celebrada o día 20 de Marzo de 2016, domingo, no local socio-cultural da parroquia de Zarracós

Así foi a clausura do cursiño de manualidades 2015-2016

O pasado Domingo, día 20 de Marzo de 2016, tiña lugar a xa tradicional cerimonia de clausura do Cursiño de Manualidades, correspondente ao curso académico 2015-2016. Unha celebración xa consolidada como unha máis na nosa parroquia, e que conta xa no seu haber con máis de 16 anos dende que se comezara a impartir aló polo ano 2000.


Unha vez máis o novo local socio-cultural da parroquia foi o encargado de albergar esta nova edición da mostra á que asistiron preto dun cento de persoas chegadas dende todos os puntos da parroquia, así como, dos pobos limítrofes, e na que puideron admirar unha extensa exposición dos traballos realizados ao longo do devandito curso: cadros de toda clase (con fíos, óleos, punto de cruz..) , restauración de mobles antigos (cama, mesilla, lavamáns,...), bisutería variada (pendentes, colares, aneis,...), mantelería, bufandas, gorros, bolsos, reloxos, bolas de nadal realizadas con macarróns, lámpadas....


Chegado o momento dos actos protocolarios Manuel Fernández Vilanova nesta ocasión en calidade de  Tesoureiro desta Asociación (Despois da súa retirada da vida política) tomaba a palabra para pronunciar un breve discurso recoñecendo a gran labor das asistentes ao curso e a excepcional calidade dos traballos realizados. Seguidamente, falarían o Excmo. Alcalde: Don Manuel Jorge Velo e a Excma. Tenente de Alcalde: Dona Fina Carrera, comprometéndose o primeiro a apoiar novas edicións destes cursos e a segunda animando a explorar e descubrir novos horizontes nos traballos manuais, tales como, restauracións de pales ou caixas, xabóns, perfumería.... Rematados o discursos correspondentes, as participantes agasallaban ao Concello cun cadro do conxunto de hórreos de A Merca, utilizando a técnica do craquelado.

Chegados a este punto cabe destacar a ausencia da monitora do curso: Nardi, que por motivos persoais non puido asistir a esta celebración, aproveitando a ocasión, dende aquí queremos expresarlle o noso particular agradecemento polo seu gran traballo e que todo vaia a mellor.


Tralos actos institucionais comezaba a "paparota", así os que alí estivemos puidemos degustar unha gran variedade de pinchos: froitos secos, tortilla, biscoitos de toda cor e sabor, empanada, bica, refrescos, viño branco e tinto, licores varios, chocolate.... en fin, e como soe ser tradicional nas festas que se levan a cabo e como se soe dicir: "non se fartou quen non quixo".


Salientar, que toda esta comida e bebida foi pagada polas asistentes ó curso e por aqueles veciños que decidiron participar aportando o eu gran de area.

A continuación publicamos o enlace para acceder a unha galería fotográfica con máis de 140 imaxes do evento.

Pulsa este enlace para ver a galería

21 de Marzo do 2016




Destacamos