XII Edición da campaña -Ante a adversidade, solidariedade-

Do 1 ao 15 de decembro: recollida de alimentos para o Banco de Alimentos de Ourense

XII Edición da campaña -Ante a adversidade, solidariedade-

Un ano máis, a solidariedade da veciñanza de Zarracós volve poñerse en marcha para axudar a quen máis o necesita. Ao longo das once edicións anteriores, e grazas á xenerosidade e colaboración de numerosas persoas, conseguimos entregar ao Banco de Alimentos de Ourense e a outras entidades sociais, como Cáritas Ourense, máis de 350 quilos de alimentos cada ano.

Nun contexto no que moitas familias seguen atravesando dificultades económicas, a axuda e o compromiso colectivo resultan fundamentais. Por este motivo, desde a Asociación de Veciños San Andrés de Zarracós mantemos esta iniciativa solidaria e organizamos, en colaboración co noso párroco, Don Miguel Blanco, a XII edición da campaña “Ante a adversidade, solidariedade”, coa que recolleremos alimentos destinados ao Banco de Alimentos de Ourense entre o 1 e o 15 de decembro de 2026.

Entre os produtos máis necesarios atópanse leite, aceite, galletas, cacao en po, alimentos infantís (potitos, papillas, leite en po…), conservas de peixe e produtos propios do Nadal. Non obstante, será ben recibido calquera alimento non perecedoiro que se queira achegar.

Aínda que o prazo oficial de recollida remata o 15 de decembro, recomendamos non agardar ata os últimos días para realizar as doazóns. Nesta época do ano, o Banco de Alimentos afronta unha importante carga de traballo, polo que é conveniente dispoñer de tempo suficiente para organizar e distribuír todas as achegas.

Cada achega, por pequena que sexa, suma. Animámosvos a participar unha vez máis nesta campaña e a demostrar que, fronte ás dificultades, a solidariedade da nosa veciñanza segue sendo un dos nosos maiores valores.

18 de Novembro do 2026




Destacamos