Ponse en coñecemento de todos os membros da Asociación de Veciños San Andrés de Zarracós que a cota da festa para o ano 2025 xa está ao cobro.
O importe desta será de 100€ (Segundo o acordo establecido na Asemblea Xeral celebrada o 26/01/2025), e poderán facela efectiva xunto aos membros da Xunta Directiva de costume, ou se así o desexan, na conta bancaria da asociación en ABANCA: ES26 2080 5316 1130 4000 3294, indicando o seu Nome e Apelidos.
Así, tal e como se informou na última Asemblea Xeral celebrada, por primeira vez en trinta anos, a organización da festa vai ser asumida por unha Comisión formada por mozas e mozos da parroquia que deron un paso adiante para que esta tradición tan nosa non se perda.
Por iso, e como non podía ser doutro xeito, dende a Asociación de Veciños imos brindar todo o noso apoio a este grupo de xente moza para que poidan sacar adiante a Festa Das Neves 2025 e queremos pedir a toda veciñanza a mesma implicación.
Neste senso, o cobro de cotas veciñais correrá a cargo da asociación de veciños (coma sempre), mentres que a Comisión de Festas se encargará da organización propiamente dita e de recadar todo o diñeiro que poida faltar para cubrir gastos en base as iniciativas que consideren oportunas.
Agradecendo a súa colaboración e esperando que se divirtan o máximo posible na festa.
18 de Xuño do 2025