Festa das Neves 2011

A unión,o bo humor e as ganas de troula gánanlle por goleada a crise

Os pasados días 5,6 e 7 de Agosto do 2011 tiña lugar a popular Festa das Neves, unha celebración que de seguro moitos e moitas de nos recordaremos pola inestabilidade meteorolóxica, pola ausencia de foguetes, pero sobre todo, polo bo humor e ambiente festeiro que se respirou durante todos os días.

O venres día 5 de Agosto (día propio da virxe) comezaban os actos festivos da fin de semana coa misa solemne na honra a Virxe das Neves, que este ano era ofrecida por Manuel Dorrego e que contaría co acompañamento musical dunha sección da Banda de Música de Ramirás, a cal, posteriormente amenizaría a sesión vermouth no campo da festa.

Ese mesmo día a festa continuaría co xa tradicional lanzamento de foguetes das vésperas ,que este ano foi máis grande que nunca (debido a que a comisión de festas só obtivo permiso para facelo ese día e optouse por queimar os foguetes de tres días nunhas horas), para xa na tardiña facer as delicias dos máis pequenos da parroquia cos xa tamén clásicos xogos populares. Entrada xa a noite e tras cear ben, sería o turno para a actuación da Charanga as Neves de Zarracós, que un ano máis nos deleitaron cos seus éxitos máis afamados, e como non dos "cantantes" da parroquia que se atreveron karaoke popular, que ano a ano vai subindo de nivel.

O día 6 pola mañanciña era a charanga BRÉTEMA (de Gomesende) a encargada de por o toque musical polas rúas da parroquia ,así como, de acompañar a misa solemene e amenizar a sesión vermouth, este ano un pouco deslucida pola mal tempo que nos acompañou. Xa na tarde tocaba facer algo de deporte e as parroquias de Zarracós e Corbillón enfrentábanse nun partido de Fútbol 7 amistoso, no que, para non variar gañou Corbillón de novo. Pola noite, a iso das 11 era a quenda do GRUPO ATENAS (de Padrón), que este ano repetía nas nosas festas por votación popular, e que sen lugar a dúbidas non defraudou, facendo un gran espectáculo para todos os públicos. (Mostra diso o vídeo que figura a continuación)

Despois de que moitos nos deitaramos o Sábado as tantas da maña, o Domingo tocaba madrugar para percorrer de novo os distintos pobos da parroquia coa charanga CASTRO BELLO (de Maside), a cal tamén amenizaría a sesión vermouth, da que sen dúbida algunha soupo facer un auténtico espectáculo. Polo serán tería de novo lugar o xa máis que tradicional Torneo de Chave, que este ano iría de novo para ó "barrio da Torre", concretamente para Vilanova, que este ano levantou as dúas copas de chave que se disputaron na parroquia (a do San Ceriz e a das Neves). Unha vez rematado o torneo tocaba de novo escoitar e bailar música da boa coa Orquestra OASIS (do Ferrol), que interpretando música moi bailable fixo as delicias de todos aqueles que nos demos cita no campo da festa de Zarracós, e que sen dúbida soupolle por a noite un toque divertido. E como non unha vez rematada a actuación desta agrupación musical a gran Charanga as Neves de Zarracós tomaba as rendas dos festexos para amenizar a gran queimada popular de fin de festa.

No que atinxe ó sorteo dos 400€, o segundo premio (recordemos 100€) foi parar a localidade do Carballiño, concretamente a Milagros, mentres que o primeiro premio (recordemos 300 €) recaeu este ano en Faramontaos, en concreto a Marta, secretaria do Excmo. Concello de A Merca. Este ano foi Vilanova quen repartiu a sorte, xa que as dúas agraciadas compráronlle papeletas a el.

En definitiva, nun ano no que as cousas económicamente non van moi ala, a parroquia de Zarracós demostra que se está unida todo é posible, e que o humor e as ganas fan posible imaxes e vídeos como os que podedes ver nesta páxina web:

 

Vídeos da festa das Neves 2011

Valora a festa das Neves 2011 na seguinte enquisa

Coméntanos o que queiras no noso libro de visitas

12 de Agosto do 2011




Destacamos