Festa das Neves 2012

Nin a crise, nin a néboa, nin a choiva... poden coas festas de Zarracós

Os pasados días 3, 4 e 5 de Agosto do 2012 tiñan lugar as populares festas da parroquia de Zarracós na honra a Virxe das Neves. Unha celebración que de seguro moitos e moitas de nos recordaremos pola noite invernal que se nos presentou o sábado, pero sobre todo, polo bo humor e o gran ambiente lúdico-festeiro que se respirou durante todos os días.

O venres día 3 de Agosto daban comezo as festas co xa tradicional lanzamento de foguetes das vésperas, para xa na tardiña facer as delicias dos máis pequenos da parroquia e dos pobos da contorna cunha nova edición dos xa clásicos xogos populares. Entrada xa a noite e tras cear ben, sería a quenda para a actuación da Charanga as Neves de Zarracós, que un ano máis nos deleitaron cos seus éxitos máis afamados, e como non dos "cantantes" da parroquia e da contorna que se atreveron a cantar no popular karaoke, que ano a ano vai subindo de nivel, e que este ano contou cunha excepcional participación, rematando a altas horas da madrugada.

O día 4 pola mañanciña era a charanga BRÉTEMA (de Gomesende) a encargada de por o toque musical polas rúas da parroquia ,así como, de acompañar a misa solemne e amenizar a sesión vermouth. Xa na tarde, tocaría disputar o clásico derbi local de Fútbol 7 entre as parroquias de Zarracós e Corbillón, pero non puido ser así debido ao mal estado do terreo de xogo polos continuas falcatruadas do xabarín. Pola noite, a iso das 10.45 era a quenda da ORQUESTRA MADEIRA (de Ferrol), que sen lugar a dúbidas non defraudou, facendo un gran espectáculo para todos os públicos, cunha gran variedade musical.

Despois de que moitos nos deitaramos o Sábado as tantas da maña, o Domingo tocaba madrugar para percorrer de novo os distintos pobos da parroquia coa charanga GARRAFÓN.COM (de Chantada), a cal tamén amenizaría a sesión vermouth. Polo serán tería de novo lugar o xa máis que tradicional Torneo de Chave, que este ano foise para o Casal, concretamente para Eduardo Nicuesa, claro gañador do torneo con cinco pegadas á chave. Unha vez rematado o torneo tocaba de novo escoitar e bailar música da boa coa GRUPO TOKIO (de Marín), que interpretando música moi bailable fixo as delicias de todos aqueles que nos demos cita no campo da festa de Zarracós. E como non, unha vez rematada a actuación desta agrupación musical a gran Charanga as Neves de Zarracós tomaba as rendas dos festexos para amenizar a gran queimada popular de fin de festa.

No que atinxe ao sorteo dos 300€, o segundo premio (recordemos 100€) foi parar a localidade de Corbillón, concretamente para o Jorge, mentres que o primeiro premio (recordemos 200 €) quedou este ano na casa, en concreto tocoulle a Tere. Este ano foron Vilanova e Emilio os que repartiron a sorte.

Así, no campionato de tute que se levou a cabo durante a semana proclamáronse gañadores Manuel Taín e José Manuel Taín, sendo os segundos clasificados Paco e Eduardo previo o desempate con Ricardo e Carliños.

Pero, quizais, unha das novidades máis salientables da festa deste ano foi a I Exposición de Fotos Antigas da Parroquia de Zarracós, que recibiu centos de visitas durante a semana e tivo unha gran aceptación entre os veciños.

 Galería fotográfica Festa das Neves 2012 

En definitiva, nun ano no que as cousas economicamente van moi mal, e que moitas pobos están a quedar sen festas patronais a parroquia de Zarracós demostra que se está unida todo é posible, e que o humor e as ganas fan posible que poidamos disfrutar dunhas grandes festas que nin a néboa, nin a choiva, nin a crise... poden exterminar.

09 de Agosto do 2012




Destacamos