Monólogo de Luis Iglesias B: Un pouco de tolo

Campo da festa de Zarracós, sábado 28 de xullo de 2018, ás 21.30h. Entrada de balde

Monólogo de Luis Iglesias B: Un pouco de tolo

Despois do éxito acadado en anos precedentes polos monólogos de Avelino González e Cándido Pazó, dende a Asociación de Veciños San Andrés de Zarracós decidimos seguir apostando unha vez máis por este tipo de pezas teatrais e hoxe temos o enorme, o grandísimo pracer, de presentar a actuación dun gran artista da nosa terra, nin máis nin menos que: Luis Iglesia B. coa preestrea do seu monólogo “Un pouco de tolo”. Será o sábado, 28 de Xullo ás 21.30h, no campo da festa de Zarracós (Sempre e cando as condicións meteorolóxicas acompañen, senón trasladarase ó local sociocultural) e coa entrada completamente de balde.

Sinopse do monólogo

“As únicas persoas que me agradan son as que están tolas, tolas por vivir, por falar, por salvarse” Jack Kerouac.

“Os tolos dinlles a verdade velada aos cordos” Jorge Volpi.

Por iso decidín ser un tolo en prácticas, acadar un pouco de cordura mediante pequenas doses de loucura. E a risa é esa pequena apócema que nos permite tolear sen complexos. Riamos, toleemos un pouco!!

De seguro que a súa cara e súa voz vos resultan tremendamente coñecidas, non en van Luis Iglesia leva participado nunha grande cantidade de series galegas, como: “Libro de familia”, “Mareas vivas”, “Un mundo de historias”, “Terras de Miranda”,... e moitas máis, pero sen dúbida que case todos o coñeceredes pola interpretación de “Carmelo “ na serie “Matalobos”. Ademais, ten dobrado ó galego a actores da talla de: Harrison Ford, Robert De Niro, Mel Gibson, Paul Newman, Chuck Norris e Andrew Garfield.

Sen lugar a ningún tipo de dúbida, unha actuación de altísimo nivel que esperamos que sexa do agrado de todas e todos vos. A continuación podedes ver un vídeo dunha das súas interpretacións en “Matalobos”:

Por certo, un ano máis tamén teremos servizo de bar a cargo de Churrería As Maravillas, apuntade a cita no voso calendario.

25 de Xuño do 2018




Destacamos