O Local Socio-Cultural da parroquia de Zarracós: un antigo-gran proxecto que por fin se materializa.

Case con toda seguridade, a principios do mes de Marzo os veciños desta parroquia poderemos comezar a usar as novas instalacións.

O ano 2011 será  un ano histórico para a parroquia de San Andrés de Zarracós, un ano ,que sen lugar a ningunha dúbida, moitos recordaremos como aquel no que se conseguiu materializar un antigo soño, o da construción do “Local Socio-Cultural da parroquia de Zarracós”.


A empresa adxudicataria da obra, CRUZVAL S.L  (de Gomesende), a falta de pequenos detalles como pode ser pintar as paredes, xa rematou a construción deste novo edificio que dará servizo ós veciños da parroquia.


Como podedes observar nas imaxes acompañantes deste artigo, este novo local é un edificio “clásico” e moi “rústico”, feito en pedra do país asentada a oso, tellado de tella mixta a dúas augas  e un gran “porche” de madeira que adorna toda a fachada principal.


 A construción, que destaca pola luminosidade interior que lle confiren o gran número de xanelas da mesma, dispón dun gran salón multiusos de 54 metros cadrados útiles, no que existe un corredor que da acceso ós dous servizos (un deles de minusválidos), e un pequeno trasteiro, en total arredor de 100 metros construídos para ofrecer un servizo de calidade ós veciños.

VER GALERÍA DE IMAXES COMPLETA


A historia deste gran proxecto comezaba a escribirse aló polos anos 1993-1994, cando a entonces Xunta Directiva desta Asociación de Veciños, presidida por Xosé Luís Dorrego, elaboraba un “anteproxecto”, co que na época se intentaron conseguir diversas subvencións para materializalo, non sendo posible. Pero a pesares destes intentos falidos a Asociación sempre conservou a intención de lograr conseguir o local para o pobo, e durante os anos seguintes pensouse en tratar de ir construíndo un local en pequenas fases, non sendo posible tampouco.


Tras varios anos no que o empuxe inicial parecera perderse aló polo 2005 a Xunta Directiva da Asociación de Veciños, consegue unha subvención da Xunta de Galicia para poder desterrar un anaco de terreo na parte superior do campo da festa (localización elixida dende un principio para edificar esta construción), paso que sería a base para solicitar colaboración ó Excmo. Concello de A Merca, que puxo a disposición da Asociación o arquitecto do Concello para elaborar unha memoria valorada coa que poder solicitar subvencións, non sendo posible.


Chegamos así a actualidade, na que a Corporación do Excmo. Concello de A Merca, sendo consciente das necesidades e esixencias dos veciños, decidiu destinar parte dos fondos asignados polo PLAN E ó concello á construción deste local. Por iso dende a Xunta Directiva da Asociación de Veciños queremos agradecer a confianza depositada ó darnos o luxo de poder desfrutar dun edificio destas características.

19 de Febreiro do 2011




Destacamos