Artigo sobre o xuíz Vázquez Taín no xornal La Voz de Galicia

entre pupitres

Aprendendo da casa á escola

Na Bola e en Celanova, o xuíz tivo como primeiro mestre ó seu pai

Acaba de celebrar no instituto das Lagoas os 25 anos da súa promoción, pero José Antonio Vázquez Taín (Zarracós, 1968) detén a súa memoria máis alá, nos primeiros días na vella escola de Pardavedra: paredes de cal, fiestras de madeira con vía libre para a choiva, piso de cemento, un ladrillo baixo os pés como illante e, sobre todo, un pizarrín, o seu tesouro.

O xuíz Vázquez Taín é explosivo, nas lembranzas e na expresión. Cambia o rictus conforme a memoria, permitindo descubrir en cada xesto os sentimentos da anécdota que relata, do momento que describe. Por iso resulta doado imaxinalo no 850 do seu pai, con tres dos seus cinco irmáns, viaxando dende Zarracós (A Merca) ata a escola de Pardavedra (A Bola), onde o pai deixaba de selo e convertíase en mestre.

«A clase empezaba xa o levantarse -revive Manuel Vázquez Outeiriño-, no coche xa iamos dando normas». E o fillo continúa o relato no momento da volta á casa: «Faciamos os deberes fronte á cociña bilbaína encendida. El non facía os deberes connosco, non tiñamos clases particulares».

En Pardavedra, Toño Vázquez Taín aprendeu a ler ós 4 anos, grazas ó mítico caderno Rayas e ás cantinelas dos veciños de pupitre. «Os rapaces estaban misturados por idades, dende 1º a 8º de EXB -relata o pai-, así que o que era espabilado captaba o dos outros. Un grupo estaba co mapa cantando os nomes das provincias; outro, aprendendo a ler; outro, facendo contas. Toño tiña moi boa memoria e con 3-4 anos aprendeu as provincias de oír ós compañeiros».

 

A marcha de Pardavedra á concentración escolar de Celanova, con 6 anos e nun día de intensa nevada, está gravada na cabeza do xuíz, que pasou de ter un pai mestre a un pai director, e dunhas ducias a máis de mil compañeiros. Despois viría o traslado a Ourense, ó colexio Galicia, onde cursou ata 8º; máis tarde, BUP nas Lagoas e Dereito en Compostela. «A vocación de xuíz xurdiu en Santiago. No instituto quería ser economista».

Do seu pai, Vázquez Taín salienta a cara B do seu maxisterio: «Nós tiñamos unha aprendizaxe anexa. Faciamos unha vida moi de aldea; meu pai tiña unha granxa e nós traballabamos nela, o traballo manual era un complemento vital. Tiven a sorte de aprender que co esforzo de todos é posible saír adiante».

Para o Taín xuíz resulta crucial a aprendizaxe do Taín neno: «Para resolver pleitos de calquera tipo, cantos máis paus tocaches na vida, mellor. Podes saber moito Dereito pero, se non o sabes aplicar... Cando teño algún caso de deslinde de marcos os paisanos sorpréndense porque sei buscar o marco mellor ca eles. Tes que botar man de todos os conceptos que aprendiches de pequeno, por iso me considero máis seguro que outros compañeiros de cidade». E tamén niso apunta ó mestre: «Cando o meu pai explicaba, era moi aplicado á vida».

Foi mestre, granxeiro e alcalde, e de todas as súas facetas aprendeu o xuíz Vázquez Taín: «Lembro que con nós era máis severo por intentar dar exemplo, pero tamén son consciente de que era moderno porque, cando el non estaba, iamos a clases coa señorita, á unitaria de Zarracós, e alí había saúdo á bandeira, padrenuestro e ángelus. Teño unha imaxe del nas eleccións do 79: subido a un carro en Zarracós dando unha charla. Lémbroo de peregrinaxe aldea por aldea dicindo que votar non era malo. El ía coa perspectiva de mestre, explicando que iso non era como aquel referendum de Franco».

«De neno era pequeno e regordete. En Celanova dicían que era moi espabilado, pero moi charlatán -comenta o mestre mentres o alumno retruca: Por iso me fixen avogado, a ver se me pagan por falar-. Tiña moita memoria e era mellor para letras que para matemáticas. Non era traste; era inquedo, pero non malo, e tampouco era mandón».

Fonte de información: http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2011/06/13/0003_201106O13C8991.htm

14 de Xuño do 2011




Destacamos