Festa de inauguración do novo local socio-cultural da parroquia de Zarracós

Celebrada o pasado Domingo, día 10 de Xullo do 2011

O pasado Domingo, día 10 de Xullo do 2011, tiña lugar a inauguración do novo local socio-cultural da parroquia de San Andrés de Zarracós.

Para unha ocasión tan especial como esta, a Asociación de Veciños organizou para toda a parroquia unha gran festa, que comezaba a iso das 12.30 da mañá cunha misa solemne acompañada polas fantásticas voces da Coral Cantares do Miño (de Velle).

Unha vez rematada a emotiva cerimonia relixiosa, os alí presentes dirixíanse cara o novo local social para continuar coa celebración. Celebración que se prolongaría ao longo de toda tarde, e que principiaría coa intervención de diversas autoridades municipais, entre elas, o Excmo. Alcalde Manuel Jorge Velo ou o Concelleiro Manuel Fernández Vilanova, os cales eloxiaban o funcionamento da parroquia de Zarracós e o pago dunha débeda histórica cos veciños da mesma.

Rematada a quenda de discursos, a Coral Cantares do Miño faría un pequeniño concerto antes de que as cerca de 200 persoas que se deron cita para esta ocasión, desen boa conta da gran cantidade de comida e bebida preparada para tal evento.

E como ocorre sempre en calquera festa que se prece na parroquia de Zarracós a troula prolongouse ao longo de toda tarde: cantes, bailes, conversas, risas...

Quedan a disposición de todos vos diversos vídeos do acto así como unha extensa galería fotográfica:

  

   

18 de Xullo do 2011




Destacamos