Festa do Magosto 2011

Celebrada o pasado sábado, 12 de Novembro, con record de participación

O pasado sábado, día 12 de Novembro, tiña lugar unha nova cita da tradicional festa do Magosto da parroquia de San Andrés de Zarracós (e van xa 18 anos consecutivos organizando este festexo), que este ano tiña como principal novidade que se celebraba ao mediodía en lugar de pola tarde noite, como viña sendo costume nos últimos anos.

Os preparativos para o festexo comezaban a iso das 10 da mañá, cando aqueles voluntarios que así o desexaron se dirixiron ao monte comunal de Zarracós para cortar a leña que daría lugar ao gran lume que quentaría o aireoso día que se presentou. Mentres, outros voluntarios irían preparando toda a comida: cortando as empanadas,os lacóns, o pan e as bicas, asando as castañas e os chourizos, repartindo a bebida e os utensilios para comer....

Así, a íso das 14.00 horas, e a pesares das intempestivas condicións meteorolóxicas que se presentaron, máis de 115 persoas se daban cita no Outeiro para dar boa conta do menú e da festa propostos pola organización, para xa na sobremesa, e unha vez entrados en calor, troulear un pouco e entoar canterías do estilo: "Mami me voy pa la Habana, donde las merluzas se pescan con caña, pero en Zarracós todo es distinto, las merluzas se pescan con vino tinto, pero en Zarracós todo es diferente, las merluzas se pescan con aguardiente". E como non, tamén houbo tempo para xogar a partida, manter interesantes conversas... pero sobre todo, para disfrutar da irmandade veciñal, que de vez en cando, proporcionan festas destas características.

Pola noite, e dado que sobrou unha gran cantidade de comida, todos aqueles que así desexaron puideron volver para cear, prolongándose a festa ata ben entrada a noite con canterías varias, xogos de cartas, bailes....

Magosto 2011

enquisa magosto 2011
 

13 de Novembro do 2011




Destacamos