Festa do San Ceriz 2012

A pesares da crise, unhas 130 persoas se deron cita para desfrutar da irmandade veciñal degustar un bo menú.

O pasado Sábado,día 16 de Xuño, tiña lugar a xa tradicional Festa na honra a San Ceriz, coincidindo coa festividade de dito mártir. Unha festa que ano a ano se consolida como unha das máis populares da parroquia e que este ano, a pesares da gran crise na que estamos somerxidos, contou de novo cunha participación excepcional, xa que unhas 130 persoas se deron cita no campo da Festa de Zarracós para degustar un tradicional "menú á feira".

A meteoroloxía parecía que desta ocasión non nos ía acompañar, pero os claros fóronse abrindo pouco a pouco quedando un día realmente fantástico. Así, a festa comezaba sobre a unha do mediodía cos correspondentes actos relixiosos, unha pequena procesión polo camposanto seguida dunha misa solemne oficiada polo cura de Faramantaos. Don Camilo, o cura da nosa parroquia non puido oficiar a misa deste ano por problemas de saúde, é por iso, que lle desexamos unha pronta recuperación para que poida desenvolver de novo a súa labor pastoral.

Unha vez rematados os oficios relixiosos todos aqueles que se apuntaron ,previo pago dos 21 euros, dirixíronse ao campo da festa de Zarracós para dar boa conta dunha tradicional comida "á feira" : empanada, polbo, carne ó caldeiro con patacas, bica, café e como non bo viño branco e tinto e pan de cea. Un completo e abundante menú que fixo as delicias de todos aqueles que asistimos a esta gran festa.

E claro, finalizada a comida en si, tocaba troulear, e estando Bieito presente ¡¡ non ía ser menos a cuestión!!, ás primeiras de cambio colleu o seu acordeón para deleitarnos a todos os alí presentes cos grandes clásicos que non poden faltar en calquera festa que se celebre en Zarracós. Que non coñece aquel.... “Mami me voy pa la Habana, donde las merluzas se pescan con caña, pero en Zarracós, todo es distinto, todo es diferente, las merluzas e pescan con aguardiente”

Tras facela dixestión bailando, cantando e trouleando, era momento para celebrar o III TORNEO DE CHAVE DE SAN CERIZ no que se deron cita ao redor de 30 participantes.

Sen lugar a dúbidas un completo día, que reuniu a todos os veciños en torno a unha mesa, non só para disfrutar da boa comida e da boa bebida senón para polo menos unha vez ao ano reunirse en irmandade e disfrutar da boa compaña e da festa!!!

Dende a Asociación de Veciños queremos dar as gracias a todos aqueles que participastes nesta festa, esperando que fose do agrado de todos vos!

San Ceriz 2012

 

16 de Xuño do 2012




Destacamos