Festa do Magosto 2012

Celebrada o pasado sábado 10 de Novembro

O pasado sábado, día 10 de Novembro, tiña lugar a XIX edición da festa do Magosto da parroquia de San Andrés de Zarracós, que este ano continuando coa senda iniciada no 2011 celebraríase de novo ao mediodía.

O día amencía triste e chuvioso e algúns dos preparativos que estaban programados para as dez da mañá, tiveron que posporse debido as inclemencias meteorolóxicas, como por exemplo, ir á leña, mentres que outros tiveron que cambiarse de localización, como asar os chourizos, que gracias a colaboración de Manuel Dorrego puido facerse na súa grela ao acollido. Aínda así, a devandita hora, os voluntarios que se presentaron puideron ir preparando toda a comida: cortando as empanadas,os lacóns, o pan e as bicas, asando as castañas e os chourizos, repartindo a bebida e os utensilios para comer....

Así, a iso das dúas da tarde, e a pesares das intempestivas condicións meteorolóxicas, unhas 110 persoas se daban cita no Outeiro para dar boa conta do menú e da festa propostos pola organización, para xa na sobremesa, e coa sempre inestimable animación de Bieito Blanco ao acordeón, troulear un pouco e entoar canterías do estilo: "Mami me voy pa la Habana, donde las merluzas se pescan con caña, pero en Zarracós todo es distinto, las merluzas se pescan con vino tinto, pero en Zarracós todo es diferente, las merluzas se pescan con aguardiente" entre outros grandes éxitos do repertorio popular. E como non, tamén houbo tempo para xogar a partida, manter interesantes conversas... pero sobre todo, para gozar da irmandade veciñal, que de vez en cando, proporcionan festas destas características.

Pola noite, e dado que sobrou unha gran cantidade de comida, todos aqueles que así desexaron puideron volver para cear, prolongándose a festa ata ben entrada a noite con canterías varias,bailes, risas,..

Podes pulsar na imaxe inferior para ver unha extensa galería de fotos do festexo:

 Magosto Zarracós 2012 

13 de Novembro do 2012




Destacamos