Clausura Curso Manualidades 2013

Celebrada o pasado Domingo, día 17 de Febreiro do 2013

O pasado Domingo, día 17 de Febreiro de 2013, tiña lugar a xa tradicional cerimonia de clausura do Cursiño de Manualidades, correspondente ao curso do ano 2012.Unha celebración que se consolida, e que se esta a converter nun dos múltiples festexos que se conmemoran na parroquia de Zarracós ao longo do ano.


Nesta nova edición, aproveitáronse as novidades incorporadas en citas anteriores:o novo local socio-cultural e o sistema colga-cadros e engadiuse unha a maiores: música tradicional galega como música de ambiente. Sen dúbida, as novidades que pouco a pouco se van incorporando axudaron a dar unha maior vistosidade a esta exposición.


Pois ben, a esta mostra asistiron preto dunhas oitenta persoas chegadas de todos os puntos da parroquia e dos pobos limítrofes que, no novo local socio-cultural puideron admirar unha extensa exposición dos traballos realizados ao longo do devandito curso: antigas máquinas de sulfatar restauradas e reconvertidas en reloxos de parede, cadros de toda clase(con fíos,en relevo, castelaos, óleos..) , bisutería variada (pendentes, colares, aneis,...), mantelería, calceta e un largo etc de orixinais traballos.


Chegado o momento dos actos protocolarios e por motivos de axenda, o Excelentísimo Alcalde do Concello de A Merca non puido estar presente e foi o Tesoureiro desta Asociación e Concelleiro o que tomou o relevo e pronunciou o obrigado discurso de clausura, no que se comprometeu a seguir apoiando iniciativas destas características, en detrimento doutras (dado o actual ambiente de recortes) ao mesmo tempo que loou o enorme traballo levado a cabo no curso. Rematado o discurso, as participantes agasallaban ao Concello cun fermoso lenzo dun canastro, edificación moi tradicional na nosa comarca.


Tralos actos institucionais comezaba a "paparota", así os que alí estivemos puidemos degustar unha gran variedade de pinchos: froitos secos, tortilla, biscoitos de toda cor e sabor, rosquillas,empanada, bica, refrescos, viño branco e tinto, licores varios,.... en fin, e como soe ser tradicional nas festas que se levan a cabo e como se soe dicir: "non se fartou quen non quixo".


Salientar, que toda esta comida e bebida foi pagada polas asistentes ó curso, e por aqueles veciños que decidiron participar aportando o eu gran de area.

Pulsando na seguinte imaxe poderedes ver unha extensa galería fotográfica, composta por máis de 130 arquivos:

 Clausura Curso Manualidaes 2012 

 

20 de Febreiro do 2013




Destacamos