Para que sempre cheguen as festas de Zarracós

Chega o verán, e con el chega a festa das Neves, e coa festa chega a alegría á nosa parroquia; chegan os veciños que un día tiveron que emigrar; chegan os familiares (aos que por desgraza pouco vemos); chega a música da man das charangas e das orquestras; chegan os nenos e nenas para inundar de alegría as nosas rúas e parques; chegan os sorrisos; chegan os amigos cos que compartimos a nosa máis tenra infancia; chegan os reencontros; chega a troula ata altas horas da madrugada no Outeiro; chega a queimada para quentar as nosas gorxas nas frías noites do mes de Agosto; chegan os bailes ao compás dunha muiñeira, dunha cumbia, dun pasodobre ou do que nos voten; chega a unión dos veciños e veciñas; chegan as anécdotas que xamais se irán da nosa mente; chega a vida aos nosos pobos; chegan as canterías na sobremesa ou ao carón da taberna; chega o balbordo a cada recuncho; chega a gran Charanga As Neves; chega o estronar dos foguetes ao amencer; chega a ilusión dos máis pequenos da casa; chegan as emoción dos nosos maiores; chegan as apertas, ... así, ano tras ano, de xeito ininterrompido durante os últimos vinte.

Ás veces, tendemos a darlle moi pouco valor a aquelas cousas que temos dende sempre, pensamos que nunca nos van faltar, que sempre estarán aí e que nunca se irán, pero... parádevos a pensar un intre, a reflexionar que sería deste parroquia e das súas xentes se a festa das Neves non chegase cada verán, como nas últimas dúas décadas: faltaría ese pequeno pretexto para xuntarnos toda a familia en torno a unha boa mesa; faltarían os nenos e nenas, tan escasos nestes nosas aldeas; as nosas rúas e o noso gran campo da festa quedarían en silencio, permanecendo impasibles ao paso do tempo; os nosos veciños emigrados perderían o aliciente que supoñen as festas para o seu regreso as raíces; faltaríanos a alegría, as anécdotas, os sorrisos, a troula... e a festa que un día vivimos con tanta intensidade iría caendo no esquecemento, ao igual que pasou con moitas outras festas na nosa contorna...en definitiva, faltaría unha parte de nos, da nosa historia, do no sentir e do noso corazón como pobo e como parroquia.

Este ano, como non podía ser menos, a Asociación de Veciños asume de novo o gran reto e a enorme responsabilidade que supón organizar unha vez máis as festas. Dende a Xunta Directiva somos coñecedores de que as circunstancias non son nada boas en moitos aspectos: cada vez a nosa asociación ten menos membros e os ingresos van minguando, a crise económica toma forza e cada vez os cartos andan máis xustos para todos, o prezo da vida vai subindo ano a ano (non así o soldos, quen teña a sorte de telo)... ,son moitos os aspectos negativos que invitarían a rendernos, pero non o imos facer, por que preferimos quedarnos con todos os aspectos positivos que enumeramos ao inicio desta narración e por que queremos que sempre cheguen as festas de Zarracós, por iso, este ano máis ca nunca solicitamos a vosa colaboración, axudádenos a facer posible que as nosas festas non se perdan no caixón do esquecemento.

01 de Xullo do 2013




Destacamos