Forno de Salpurido

posted in: Arquitectura Civil, Fornos, Patrimonio | 0

O forno de Salpurido é un edificio de factura sinxela e planta cadrada, muros de cachotería de granito cunha fiestra de pequenas dimensións e cuberta de tella do país a dúas augas. No seu interior posúe unha construción cúbica que a súa vez alberga outra estrutura circular abovedada de ladrillo refractario, destinada á coción do pan.

Este tipo de edificación ten unha presencia xeralizada na economía agraria tradicional. No caso de Salpurido, ó igual que en toda A Broa, a propiedade é comunal, polo que a súa situación ó carón da fonte do pobo débese a esta circunstancia, respondendo a criterios de conveniencia colectiva. É por isto polo que a súa construcción e mantemento era e é unha responsabilidade colectiva, compartida solidariamente polos veciños do lugar.

Así, a porta dá acceso a un espazo que contén unha plataforma horizontal no muro da entrada denominada tendal e utilizada para darlle forma á masa do pan. No lado esquerdo do edificio localízase o forno propiamente dito que se compón dunha cámara de planta circular –a capela– asentada sobre o lar, unha base de pedra constituída por lousas ben traballadas onde se acende o lume e se fai a cocedura do pan unha vez realizado o enfornado. O oco de acceso ó forno ou boca, ten unha peza saínte de pedra chamada chapilé, que ten por obxecto impedir a subida das faíscas ó teito de madeira. O lar prolóngase cara adiante ata formar unha plataforma que funciona a xeito de mesa, a lareira,  e que ten por obxecto canalizar a cinsa cara un depósito inferior coñecido como fornalleira ou borralleira.

Por enfornado enténdese a operación consistente en poñer branca a pedra ao acadar a temperatura necesaria producida pola combustión de leña, toxo ou xestas.

Galería fotográfica

Localización

Forno de Salpurido