Roteiro Da Broa (Atallo 1)

Descrición

O Atallo 1 do Roteiro da Broa é unha variante deste, que ten unha lonxitude aproximada de 7,4 quilómetros e un deseño circular.

Saímos do Antigo Bar Parroira e baixamos ata o pobo de Fontao. Bordeamos a antiga escola, agora restaurada, e xiramos a dereita para seguir polo camiño dos Pequenos ata chegar a estrada asfaltada, descendendo uns metros e continuar a dereita na curva do Cancelo pola pista de terra.

Chegamos ao maxestuoso Carballo do Ferreiro, e no cruce seguiremos recto polo camiño de Magarelos, ata chegar a unha nova indicación que nos manda xirar a esquerda para descender polo camiño do Poulo, ata atoparnos co camiño que ven da Portela. Neste punto seguimos a esquerda descendendo ata chegar a carón do río Arnoia, na presa do Cholas.

Continuamos pola marxe esquerda, deixando a nosa dereita os restos da presa, ponte e muíños en ruínas. Seguimos o camiño ancho e ascendemos ata o pobo abandonado da Ponte Ermida.

Saímos atravesando un pequeno regueiro e continuamos a media ladeira por enriba da presa do Cándido, ata chegar a un desvío a esquerda para seguir polo camiño do Cándido ata a zona do Castelo. Continuamos polo camiño a dereita na zona da Fonte Vella ata chegar ao pobo de Covas do Río.

Seguindo as indicacións chegamos a Aira da Otilia, continuaremos pola canella uns centos de metros ata atoparnos cun sinal no que xiraremos cara esquerda para ascender pola denominada Canella dos Cardeeiros ata o pobo de Salpurido, cruzaremos a estrada e seguiremos polo camiño dos Mortos que nos conducirá ata as inmediacións do pobo de Zarracós.

Xa alí, xiraremos cara esquerda para coller o camiño do Vimbieiro, que nos levará a un ramal en forma de i grega, neste punto, continuaremos cara a dereita polo camiño da Casacova e chegaremos ata a Parroira, onde cruzaremos a estrada Corredoira-Corvillón en dirección ó pobo da Rebola, pero, un pouco antes de chegar xiraremos cara esquerda para enlazar co camiño Real e voltar ó punto de partida, o Antigo Bar Parroira.

Trazado

Powered by Wikiloc

Galería fotográfica