Roteiro Da Broa (Atallo 2)

Descrición

O Atallo 2 do Roteiro da Broa é unha variante deste, que ten unha lonxitude aproximada de 11,2 quilómetros e un deseño circular.

Saímos do Antigo Bar Parroira e baixamos ata o pobo de Fontao. Bordeamos a antiga escola, agora restaurada, e xiramos a dereita para seguir polo camiño dos Pequenos ata chegar a estrada asfaltada, descendendo uns metros e continuar a dereita na curva do Cancelo pola pista de terra.

Chegamos ao maxestuoso Carballo do Ferreiro, e no cruce seguiremos recto polo camiño de Magarelos, ata chegar a unha nova indicación que nos manda xirar a esquerda para descender polo camiño do Poulo, ata atoparnos co camiño que ven da Portela. Neste punto seguimos a esquerda descendendo ata chegar a carón do río Arnoia, na presa do Cholas.

Continuamos pola marxe esquerda, deixando a nosa dereita os restos da presa, ponte e muíños en ruínas. Seguimos o camiño ancho e ascendemos ata o pobo abandonado da Ponte Ermida.

Saímos atravesando un pequeno regueiro e continuamos a media ladeira por enriba da presa do Cándido, ata chegar a un desvío a esquerda para seguir polo camiño do Cándido ata a zona do Castelo. Continuamos polo camiño a dereita na zona da Fonte Vella ata chegar ao pobo de Covas do Río.

Seguindo as indicacións chegamos a Aira da Otilia, continuando pola canella que vemos en fronte para saír a un souto e continuar polo carreiro, ata a zona do Covelo. Seguimos a esquerda e ascendemos polo camiño de Morgade ata a zona das hortas de Salpurido, deixando ao noso paso a dereita os penedos chamados o coto das Moás.

Seguidamente iremos a man dereita e iniciaremos o descenso polo camiño da Fraga, para xusto antes de chegar á Fontela da Fraga, na tamén denominada Curva da Fraga, xirar cara a esquerda e iniciar un forte ascenso que seguindo as indicacións nos fara chegar ó paraxe chamado As Casiñas, no que iremos cara a dereita para coller o camiño do Reguengo, e posteriormente a esquerda para chegar ó depósito de auga do Casal.

Cruzaremos a estrada que comunica Salpurido e O Casal e continuaremos polo camiño da Arrotea ata chegar ó centro do pobo de Zarracós, xa alí, na chamada praza do Campo xiraremos a dereita en dirección ó barrio do Trizos, onde posteriormente iremos cara a esquerda para entroncar coa canella da Igrexa.

Unha vez rematada a mencionada canella, chegaremos á estrada de acceso ó pobo de Zarracós e xiraremos cara a dereita para chegar ó cruce das Santas, onde iremos cara esquerda. Despois de camiñar uns 300 metros pola estrada Corredoira-Corvillón, xiraremos cara a dereita para coller o camiño de Candedo e posteriormente enlazar co camiño do Campo Grande.

Rematado este, entroncaremos coa Verea Real onde teremos que xirar a esquerda e continuala ata chegar ó noso punto de partida, o Antigo Bar Parroira.

Trazado

Powered by Wikiloc

Galería fotográfica