O Monte do Castro

posted in: Arqueoloxía, Patrimonio | 0

O Monte do Castro está situado na parroquia de Santa María de Olás. É un espolón granito de abas pinas que caen polo oeste cara o val do río Arnoia, polo sur cara o regueiro de Fechiñas e polo norte e polo leste xúntase xa moi abaixadas cas doutro outeiro que se coñece co nome de “O Piñeiral”.

Temos percorrido estes sitios ben veces e ben de vagar, sen ollar neles ren que se pareza a unha fortificación protohistórica. Soamente unha pequena terraza que hai na banda do oeste e preto do cume, mais a súa cativeza e o non seguir para ningún dos lados e a mesma ausencia de terraplén, amosounos que non se trata dunha clara obra de fortificación, senón dunha chaira feita por necesidades do cultivo.

Hai que admitir, que este castro, por non ter obras defensivas, é diferente doutros catalogados e que aínda se afasta do concepto corrente da verba.

Folclore

A parroquia de Olás en tempos tivo a súa cabeceira en Vilariño, aldea conformada polos lugares de Campos, Barreira, Pereiras e San Pedro, e parece ser que neste derradeiro radicaba a igrexa parroquial, téndose descuberto nel restos de antigas sepulturas. Así mesmo, San Pedro debeu ser o patrón da primitiva freguesía e aínda existe unha pequena capela dedicada a el no lugar da Barreira, e alí fáiselle novena e festa que corre a cargo dunha confraría . Pois ben o folión desta festa non se celebra nin nas portas da capela, nin preto da igrexa parroquial. A xente toca ca música deica o cume do castro, e alí botan os foguetes e acenden fachas que poñen en dúas furnas practicadas nas penedas que coroan o monte.

É de notar que o camiño dende a Capela de San Pedro ó castro é longo, pino e ruín e que sempre que se iniciou algunha oposición ó vello costume xurdiu de cote polos veciños de Olás, pobo axuntado a Vilariño, coido que no século XVI, e que está moi próximo ó pico do castro, namentres que os veciños desta aldea defenderon rexamente, e ata agora con éxito, o estilo tradicional do folión.

Folclore

No cume do Piñeiral, hai dúas penedas esmonadas, que afectan certa semellanza cun sartego antropomorfo. Din que alí estivo o corpo de San Cibrao, e que a auga que encora no lugar que ocupou a cabeza, e que endexamais estiña, é boa para as doenzas dos ollos.

Folclore

Por baixo de dito Piñeiral, xúntanse tres regatos e no cabo da cha chamada “A Parrueira” que pertence á freguesía de Corbillón, hai un penedo cun burato redondo na cima. Para remediar o mal de ollo vaise caladamente, sen dar sequera unha fala, cóllese nun xerro auga de cada un dos tres regatos, e despois danse tres voltas, levando a auga fría na man, ó redor do penedo, rezando tres credos a cada volta.

A auga así recollida hai que bebela, e aproveita a mesma persoa que a recolleu que outra calquera.

O penedo de Corbillón debía ter tan fondas raíces, como obxecto de culto, que párroco, a quen coñecemos e tratamos, benzouno, afondou o seu burato e puxo baixo da advocación da Nosa Señora de Lourdes.

Bibliografía: Florentino López Cuevillas (1928). Revista Nós Número 55

Galería fotográfica

As seguintes imaxes foron cedidas por Suso Martínez

Localización

Monte do Castro